Noticias
Blog
Eleccións Locais 2019: Avelino Pazos asume o liderado da candidatura popular en Castrelo do Miño
• “Chegou á hora do cambio para poñer en marcha un novo proxecto que impulsará unha persoa cun gran coñecemento de toda a provincia, o que lle valerá para decidir o modelo de xestión que ten que implantar no concello”, afirmou o presidente provincial, Manuel Baltar.
27, febreiro, 2019.
Avelino Pazos Pérez (Castrelo de Miño, 1970) ven de asumir o liderado da candidatura que o Partido Popular presentará en Castrelo de Miño ás eleccións municipais de maio, co obxectivo de “rematar con catro anos de parálise e poñer a funcionar o concello”. Unha mensaxe de cambio, declarou o presidente provincial, Manuel Baltar, “que o novo candidato saberá trasladar á veciñanza tras varias lexislaturas cheas de ocorrencias e titulares baleiros de contido”.
Avelino Pazos comezou a súa traxectoria política no primeiro comité executivo do Partido Popular baixo a presidencia de Manuel Baltar, cuxo proxecto foi o seu punto de partida á hora de dar o salto á vida municipal en 2011 como concelleiro. Hoxe, xa como cabeza de lista, afirma que Castrelo de Miño “precisa botar a andar de xeito urxente e poñerse a traballar prácticamente desde cero”.
En todo este tempo, engadiu, “non se fixo nada, só manter as infraestruturas e servizos que, compre descatar, fixeron no seu día os gobernos do Partido Popular”. Os veciños, di Avelino Pazos, “critican a falta de iniciativa, de industria, de traballo para que os seus fillos podan quedarse no concello e, como consecuencia, manter a poboación, os sendeiros intransitables por falta de limpeza ou as estradas en malas condicións”.
O candidato asegura que chegou a hora de mudar esta situación “pensando máis nos maiores e buscando solucións urxentes á diminución da natalidade”. Todo iso, entende, pasa por impulsar o parque naútico de Galicia, “que ten máis potencial do que estamos a ver agora mesmo”, de poner en valor todo canto estea relacionado co mundo da viticultura, “que para iso somos a denominación de orixe máis antiga de Galicia”, e ademais facilitar unha comunicación máis fluída coas administracións. E non faltan proxectos de comarca, “dos que tamén podemos beneficiarnos”, como a senda peonil no encoro de Castrelo que plantexa xunto cos candidatos de Toén, Cenlle e Ribadavia.
Tanto Avelino Pazos como o presidente provincial tiveron por outra banda palabras de agradecemento para o ata de agora portavoz popular, Benito Rodríguez, e o seu equipo “que tivo un enorme xesto de xenerosidade dando un paso ao lado e poñéndose á miña disposición para traballar en conxunto”.
A partir deste momento, dixo Manuel Baltar, “toca poñer en marcha un novo proxecto que impulsará unha persoa cun gran coñecemento de toda a provincia, o que lle valerá para decidir o modelo de xestión que ten que implantar en Castrelo, un concello que pode chegar a ter un gran protagonismo na provincia polas súas especiais características termais, no ámbito do termalismo deportivo, ou mesmo pola viticulttura.
Baltar definiu ao candidato do Partido Popular como “leal, comprometido, traballador, boa persoa e que transmite confianza, características que axudarán a conectar aínda máis coa veciñanza e coas administracións, unha bagaxe difícilmente alcanzable por calquera outra formación”.