Noticias
Blog
Gabriel Alén protagoniza un relevo histórico e modélico no PP de Cenlle
O Partido Popular de Cenlle vivíu hoxe un día histórico para esta formación política: o actual alcalde, Manuel García Montero, o rexidor local que máis anos leva ao fronte dunha Alcaldía en Galicia -41 anos- decidiu dar o relevo ao que será o futuro alcalde de Cenlle, Gabriel Alén Castelo, actual concelleiro de Cultura no citado concello. O histórico acto tivo lugar hoxe coa presenza do presidente provincial do PP, Manuel Baltar, xunto con membros do comité de dirección do PP de Ourense, militantes e simpatizantes do PP de Cenlle, acto que servíu para proclamar candidato á Alcaldía de Cenlle a Gabriel Alén, de 33 anos, e de profesión profesor.
Manuel Baltar tivo unhas emotivas palabras de agradecemento ao traballo que Manuel García Montero desenvolveu desde o ano 1969 a prol dos veciños de Cenlle e do partido, afirmando que o exemplo "de xenerosidade, responsabilidade e entrega aos demais que Manuel nos deixa debe servirnos a todos como sinal para traballar polo presente e polo futuro do Partido Popular na nosa provincia, e en especial, para continuar a desenvolver proxectos para que o municipio de Cenlle siga medrando da man dun goberno popular querido e apoiado pola maioría dos veciños e veciñas desde fermoso concello".
Manuel García dixo que isto é para él "un punto e aparte" porque "é imposible para min devolverlle en agradecemento aos veciños todas as satisfacións e apoios que me brindaron ao longo de tantos anos. Por iso digo que é un punto e aparte, porque seguirei estando aí, axudando no que poida e me pidan porque Cenlle e as súas xentes son a miña vida". Finalmente, o futuro alcalde, Gabriel Alén, dixo asumir "con responsabilidade e compromiso" o reto de acadar a Alcaldía a partires do 22 de maio, "se os veciños e veciñas me dan a súa confianza, porque o listón está moi alto, pero temos equipo, forza e moita ilusión para seguir traballando a reo co fin de que Cenlle siga mellorando no benestar e os servizos que os nosos veciños se merecen".