Noticias
Blog
Eleccións Locais 2019: José Sampayo estará á fronte do proxecto que o PP presentará para dinamizar Amoeiro
• O concello permanece sumido na parálise “pola ausencia dun verdadeiro proxecto local e, sobre todo, polas únicas aspiracións do seu actual rexedor, que non están no concello senón medrar na política”, afirmou o presidente provincial, Manuel Baltar.
14, febreiro, 2019.
José Ángel Sampayo Fernández (A Barrela, Lugo, 1971) estará á fronte da lista que o Partido Popular presentará en Amoeiro para as eleccións locais de maio, co obxectivo de dinamizar un concello “sumido na parálise e illado dos centros de actividade, como a capital, sen protagonismo algún da veciñanza”. Unha situación que para o presidente provincial, Manuel Baltar, ten a súa orixe na ausencia dun verdadeiro proxecto local e, sobre todo, “das únicas aspiracións do seu actual rexedor, que non están no concello senón medrar na política”.
Aínda que vinculado ao Partido Popular desde mozo, José Ángel Sampayo chegou á política municipal no 2011 “atraído polo proxecto de provincia e de desenvolvemento local que estaba a implantar Manuel Baltar”. Daquela, afirma, “non me gustaba o que estaba a ver no concello e optei por dar un paso á fronte e participar no proxecto de rexeneración e dinamización de Amoeiro”.
Desde 2007, “Amoeiro está atascado nunha parálise absoluta, coas infraestruturas básicas abandoadas e sen aproveitar a súa proximidade á capital da provincia”, a escasos trece quilómetros. O illamento do concello e a nula xestión do grupo de goberno, lamenta o candidato, “están a impedir que moita xente escolla Amoeiro como unha opción real de residencia”.
O primeiro gran problema, apunta, é a falta de vivenda, “xa que os mozos carecen de alternativas e o prezo medio do aluguer está por encima da media da cidade de Ourense, polo que a creación dun parque de vivendas para que a xente poda vivir aquí é un dos nosos obxectivos prioritarios para nós”. Nesta mesma liña sitúase outro dos proxectos que quere desenvolver o candidato no ámbito social: unha residencia e centro de día para saldar a débeda que temos cos nosos maiores que tanto fixeron polo noso concello e que non teñan que buscar outras alternativas ou mesmo ir vivir a outro lugar”.
Pero, ademais, un dos eixos fundamentais de actuación para o candidato radica nas comunicacións, polo que pretende poñer en marha un plan de transporte interno no concello para conectar as oito parroquias coa capitalidade municipal e, ao tempo, facilitar a conexión coa cidade de Ourense a través do transporte metropolitano.
Para o presidente provincial, Manuel Baltar, José Ángel Sampayo é un exemplo máis dos candidatos que procura o Partido Popular, “pois non só pensa en clave localista, senón que entende o desenvolvemento dun concello como parte dun territorio máis amplo, neste caso coas oportunidades que ofrece unha comarca liderada pola capital da provincia”.
O candidato, afirmou Manuel Baltar, “sabe perfectamente que o verdadeiro protagonismo ten que estar nos veciños, fomentando a convivencia, sen distincións ideolóxicas e evitando a confrontación, o que só se consegue se hai un proxecto definido de xestión”.
Non é o caso, afirmou, “posto que só existe a promoción partidista dun alcalde cuxa única aspiración é saír de Amoeiro, utilizando ao concello como catapulta política e esquecéndose dos seus veciños, cando o que tiña que primar por riba de todo son os habitantes e a súa calidade de vida”.