Noticias
Blog
Eleccións Locais 2019: Juan Anta liderará a candidatura do PP na Veiga aspirando a converter o concello en “referente do rural galego”
• O candidato, dixo Manuel Baltar, terá unha oportunidade máis para continuar cun proceso de renovación onde “máis aló de proxectos e obras, o realmente destacable foi crear equipo coa veciñanza para desenvolver un programa novidoso e ambicioso”.
13, febreiro, 2019.
Juan Anta Rodríguez (A Veiga, 1982) optará a continuar co proxecto “da xente e do territorio”, posto en marcha hai catro anos, encabezando a lista que o Partido Popular presentará no Concello da Veiga para as próximas eleccións de maio. Unha oportunidade máis para continuar cun proceso de renovación onde “máis aló de proxectos e obras, o realmente destacable foi contar co apoio da xente, de crear equipo e facer partícipe á veciñanza dun programa novidoso e ambicioso”, afirmou o presidente provincial, Manuel Baltar.
Anta Rodríguez chegou por primeira vez á política local en 2015, logrando xa entón a maioría absoluta. Un éxito que, afirma, “só ten como protagonistas aos meus veciños, que viron en nós un proxecto diferente, cun novo equipo e co apoio total do anterior alcalde e do partido para converter ao concello, a curto ou medio prazo, nun referente do rural galego”.
Neste mandato, subliña o candidato, “o meu equipo de goberno foi quen de executar obras nos 29 pobos do municipio e poñer a disposición da veciñanza 11 vivendas sociais, aínda que os principais esforzos centráronse na promoción económica e na ordenación do turismo. No, no primeiro dos ámbitos “abrimos un centro apícola que xa producíu máis de 10.000 quilos de mel e prestamos todo o noso apoio ao sector gandeiro”, mentres que no turismo “estamos a rematar o observatorio astronómico, conseguimos homologar rutas de sendeirismo e acondicionamos as zonas fluviais”.
Para un próximo mandato, subliña Anta, “a nosa intención é seguir a desenvolver todos estes proxectos, cun segundo plan para sete vivendas sociais máis, conseguir novas zonas de pasto para os gandeiros, impulsar a marca de mel da Veiga, poñer en marcha proxectos de biomasa logo dos estudos de mercado que fixemos e, sobre todo, acondicionar todos os quilómetros de estradas do concello”. Non faltarán tampouco iniciativas para o fomento do emprego, como obradoiros en colaboración con empresas locais ou un viveiro de empresas para axudar a emprendedores e autónomos.
Para o presidente provincial, Manuel Baltar, “as gañas e a ilusión dunha persoa como Juan Anta, recén chegado á política local, foron craves para o éxito da candidatura popular na Veiga nas anteriores eleccións, como así o demostra que recibiu máis do 54 % de apoio nas urnas”.
O candidato, engadiu Baltar, “contaxiou aos veciños un sentimento de pertenza ao territorio, dándolles un destacado papel na aportación de ideas e na posta en marcha de proxectos ambiciosos e diferentes cos que facer unha Veiga con mellor presente e máis futuro”. É dicir, “devolverle aos veciños o mellor que nos deron, a súa confianza, para seguir a revindicarse de traballar”.
Manuel Baltar tamén puxo en valor a condición de deputado provincial de Juan Anta, en representación da súa comarca, “pois as súas iniciativas tamén axudarán a desenvolver unha zona da provincia con intereses e necesidades comúns e onde a cooperación e o traballo conxunto son esenciais”.