Noticias
Blog
Eleccións Locais, 2019: Miguel Cid asume un novo liderado da lista que o Partido Popular presentará na Teixeira
• O candidato confía nos beneficios que a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade terá para o concello e a comarca, “e Miguel Cid é toda unha garantía para conseguir ese propósito, porque ademais de alcalde ten esa visión de provincia que lle aporta formar parte do goberno da Deputación”, dixo o presidente provicial, Manuel Baltar.
12, febreiro, 2019.
Miguel Antonio Cid Álvarez (Celanova, 1950) ven de renovar o seu compromiso co Partido Popular e o Concello da Teixeira, asumindo unha vez máis o liderado da lista que os populares presentarán ás eleccións municipais de maio. Unha candidatura que acepta “con moito ánimo” e coa vista posta na ansiada declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade “co potencial que elo supón para nós e a comarca”. Este xeito de visión política, dixo o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, “é o que nós valoramos, pois o candidato está a pensar non só no futuro do seu concello, senón tamén no conxunto do territorio”.
Miguel Cid leva vintesete anos á fronte da alcaldía da Teixeira, sete mandatos como rexedor e un máis con anterioridade ocupando o posto de tenente alcalde, “sempre con moi bos resultados e co apoio maioritario da poboación”. Agora aspira a un oitavo mandato “tras consultalo cos compeñeiros e mesmo cos veciños, que me deron tamén moito ánimo para presentarme”.
Neste tempo valora positivamente a súa xestión, aínda que recoñece que non se pode chegar a todo o que un querería para os seus veciños. “O cambio foi importante, pois conseguimos numerosos logros no tocante á prestación de servizos básicos, mellora de infraestruturas e mesmo favorecendo a instalación de pequenas empresas”, afirma. Con todo, engade, a viticultura e o turismo son os dous sectores estratéxicos máis importantes para o futuro do concello, o máis pequeño en número habitantes (332), pero cunha densidade de poboación moi parecida á media da provincia.
Nesta liña, Miguel Cid pon o punto de mira na esperada declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, “xa que o próximo mandato ten que estar dirixido á mellora de infraestruturas e á posta en marcha de proxectos locais e comarcais, apoiando a iniciativa privada, para aproveitar o tirón turístico que conleva unha declaración destas características”.
Desde a dirección provincial do PP, Manuel Baltar referenda tamén estas palabras, consciente de que a citada distinción vai garantir un futuro para o concello, pero tamén para o resto da comarca e, por extensión, da provincia. “Miguel Cid é toda unha garantía para conseguir ese propósito, porque ademais de alcalde ten esa visión de provincia que lle aporta formar parte do goberno da Deputación”.
Os logros obtidos polo alcalde e agora de novo candidato, dixo Baltar, “teñen unha base que é a confianza maioritaria das súas xentes e que se traduce na renovación dese apoio cada catro anos”. Do candidato, o presidente provincial destaca o seu coñecemento da xestión local e, facendo semellanzas coa súa condición de médico, apunta que “sabe como ninguén cales son as doenzas do concello e como remedialas, sempre con rigor, lealdade, seriedade e honestidade”.