Noticias
Blog
O grupo parlamentario popular de Ourense solicitará a implantación no CHUO do servizo de hemodinámica 24 horas no 2019
• Nunha Proposición non de Lei presentada xa onte no Parlamento, os populares ourensáns defenden os pasos dados ata o momento polo Goberno galego para a implantación do servizo de 24 horas, xa que o éxito do mesmo depende dunha complexa formación e axeitado adestramento do persoal sanitario destinado a esta área.
5, febreiro, 2019.
O grupo popular no Parlamento de Galicia pedirá a implantación dun modelo asistencial no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) que garanta, para 2019, a prestación do servizo de hemodinámica 24 horas. Así consta nunha Proposición non de Lei rexistrada onte polo Partido Popular na Cámara galega, na que se indica que neste obxectivo compre contar coa oportuna avaliación do Rexistro Galego de Infarto Agudo de Miocardio (REGALIAM) e a posta en marcha dos mecanismos necesarios para a formación de equipos multidisciplinares na área de hemodinámica de Ourense.
Os populares ourensáns, co apoio do resto do grupo parlamentario popular, defenden os pasos dados ata o momento polo Goberno galego para a implantación do servizo de 24 horas, xa que o éxito do mesmo depende dunha complexa formación e axeitado adestramento do persoal sanitario destinado a esta área.
Un acordo parlamentario, lembra o grupo popular, impulsou xa no 2015 a posta en marcha do REGALIAM, sendo conscientes o Partido Popular e a Xunta de que os tempos de reacción fronte a unha crise coronaria son vitais. Nestes case catro anos, o rexistro aportou unha valiosa información sobre a mortalidade por infarto agudo de miocardio nas catro provincias galegas, entre ela datos sobre os tempos que se tarda en acceder a unha sala de hemodinámica. No caso da provincia de Ourense, pasouse dunha media de 96,5 minutos en 2015 aos 88 minutos no ano 2018.
Trala implantación da sala de hemodinámica en Ourense, así como tamén en Lugo, a comisión do REGALIAM, composta por sete cardiólogos especializados das diferentes EOXIS, valorou ampliar a cobertura asistencial ata as 22 horas en ambas as dúas provincias.
En datas recentes e logo da avaliación durante un ano do funcionamento da sala implantada en Lugo ata as 22 horas, ademais da formación dos equipos multidisciplinares para esta cobertura, a comisión autorizou a posta en marcha do servizo 24 horas.
Agora, defende o grupo parlamentario popular, procede que Ourense dispoña deste servizo trala oportuna acreditación, aprendizaxe e formación do persoal sanitario, todo elo durante o ano 2019.
Os populares, que inciden na presentación onte luns dunha Proposición non de Lei a este respecto, defenden o seu compromiso coa implantación deste servizo, seguindo sempre as liñas de actuación marcadas polos expertos como garantía dun correcto funcionamento do sistema.