Noticias
Blog
Eleccións Locais 2019: Ricardo González toma o relevo no Concello de Toén liderando a lista do Partido Popular
• No acto de presentación do candidato, o presidente provincial, Manuel Baltar, afirmou que a veciñanza “é afortunada por ter un grandísimo alcalde e ter a oportunidade de elixir a un candidato que de seguro tamén fará un enorme traballo polo concello”.
25, xaneiro, 2019.
“Grazas á miña profesión estou acostumado a traballar en equipo, compartir opinións e integralas nun proxecto común, escoitando aos meus veciños e explicándolles como nos gustaría que fose o Toén do 2023”. Esta é a declaración de intencións de Ricardo González Gómez (Ourense, 1975), que optará a alcaldía de Toén nas próximas eleccións locais de maio. A súa candidatura foi presentada esta tarde nun acto celebrado no campo da festa e no que estivo acompañado polo actual rexedor popular, Amancio Cid, e o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, para quen a veciñanza é afortunada “por ter tido un grandísimo alcalde e ter a oportunidade de elixir a un candidato que de seguro tamén fará un enorme traballo polo concello”.
Profesional do sector farmacéutico e vencellado desde hai anos ao PP, Ricardo González estrenouse no ámbito municipal en 2015, logo de acepar a invitación do rexedor para formar parte do seu equipo como número dous, “exercendo como tenente alcalde e con moitas responsabilidades que delegou en min e que me axudaron a comprender a política local, polo que non podo estar máis que agradecido”.
Diante de militantes, veciños, familiares e amigos que lle arrouparon na súa presentación, o candidato afirmou aceptar este reto “encantado, disposto a conseguir integrar a miña vida profesional coa política, con orgullo, compromiso e ilusión enormes para aportar as miñas ideas e contribuír ao crecemento do concello”.
Ricardo González detallou na súa intervención algúns dos seus obxectivos, como manter os servizos municipais que ofrecen ás oito parroquias e 35 pobos do concello “e que penso que son de moitísima calidade, incluída a atención aos maiores”. Convencido das vantaxes das novas tecnoloxías, que tentará implantar na xestión local, un dos seus proxectos é conseguir que o concello “medre e mire máis cara o río Miño, onde temos tres parroquias que pertencen á Denominación de Orixe Ribeiro”.
RECOÑECEMENTO PARA AMANCIO CID
O alcalde, Amancio Cid, fixo unha emotiva intervención na que confesou ou seu medo inicial cando chegou ao concello, hai doce anos, “por se non estaba á altura do esperado, aínda que o certo é que os meus veciños sempre me deron a súa confianza”.
Para Amancio Cid, “a política só é unha etapa máis, pero o cariño que sento polo meu concello impediume retirarme sen antes atopar unha persoa que ofrecese novas ilusións aos vecinos, e Ricardo demostroume que a encontrei”. Con palabras de agradecemento cara a Deputación, á Xunta e ao partido, polo apoio que sempre atopou, Cid afirmou que espera retirarse vendo inaugurada a nova Casa do Concello “que se mecería a nosa xente”.
O presidente provincial, Manuel Baltar, loubou a decisión de Amancio Cid de deixar paso a unha nova xeración “que encabeza un magnífico candidato que coñece moi ben o concello e que sabe o que necesita Toén”. Para o reto que asume, dixo Baltar, Ricardo tivo a fortuna de aprender dun gran mestre como é Amancio, que fixo un grandísimo traballo, con compromiso e entrega e ao que o Partido Popular sempre lle estará agradecido”.
Cid foi quen de colleitar maiorías absolutas elección tras elección, engadiu o presidente provincial, “o que di moito del e fala moi ben da veciñanza, que soubo ver o líder que Toén necesitaba e que agora terán a oportunidade de votar a un gran cantidato que, estamos seguros, será tamén un gran alcalde”.