Noticias
Blog
Orzamentos Xerais do Estado 2019: O proxecto económico do PSOE é unha afronta a Ourense ao reducir drásticamente o investimento en estradas
• O Partido Popular cualifica de escandalosa a total ausencia de consignación para a variante de Ourense, no tramo entre Eirasvedras e Quintela, pese a estar en condicións de ser licitada en 2019.
• Os orzamentos socialistas relegan tamén a autovía A-76 dun modo evidente cunha ridícula partida para o tramo máis avanzado: A Veiga de Cascallá-O Barco de Valdeorras.
• Pedro Sánchez presenta un documento que castiga cunha desmedida suba de impostos ás persoas con baixo e medio poder adquisitivo.
14, xaneiro, 2019.
O forte compromiso alcanzado polos gobernos de Mariano Rajoy con Ourense ven de truncarse cos primeiros orzamentos que presenta o goberno socialista de Pedro Sánchez, pois a provincia pasa dos 414,72 millóns de euros no último mandato popular aos 295,18 millóns de euros. Así o destacan os deputados ourensáns Miguel Ángel Viso, Celso Delgado e Ana Belén Vázquez á hora de valorar o proxecto orzamentario presentado esta mañá no Congreso, e que reducen drásticamente os investimentos en estradas de gran importancia para Ourense como a variante norte da A-56, a autovía A-76 a Ponferrada ou a circunvalación do Barco.
Entre os datos máis importantes que recollen estes orzamentos para Ourense, os deputados populares chaman a atención sobre a autovía A-56. Xa en condicións de licitar en 2019 as obras do primeiro tramo, correspondente á variante norte de Ourense (Eirasvedras-Quintela) non figura consignación alguna, cando no pasado ano tiña unha partida de 2,50 millóns de euros.
Tamén critican os representantes do PP que para autovía A-76, no tramo entre A Veiga de Cascallá e O Barco de Valdeorras, que estaría en condicións de licitación en 2019, tan só se consigne unha mísera cantidade de 100.000 euros, mentres que o ano pasado tiña unha partida de 3 millóns de euros.
Ademais, a circunvalación do Barco de Valdeorras (na conexión entre a N-120 e a N-536), recén licitada e que debería estar en obras en 2019, recibirá tan só 2 millóns de euros, un millón menos que en 2018.
REDUCION DOS INVESTIMENTOS EN GALICIA
No seu conxunto, Galicia perde 184,182 millóns de euros de investimento, o que supón unha reducción do 19,9 %. Se o pasado ano tiña consignados 926,462 millóns, en 2019 só recibirá 742,280.
Mentres que en 2018 o goberno popular destinaba a Galicia máis do 9 % do investimento por rexións, agora esa cantidade redúcese ao 6,22%, o que significa o rexistro máis baixo dos últimos anos e moi por debaixo do 8 % que o goberno bipartito consideraba mínimo. Mentres, Cataluña gaña 724 millóns de euros e sube dun 13 % a un 17% do investimento por territorios.
CONSIDERACIÓNS XERAIS
O Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado presentado polo goberno de Pedro Sánchez é “o pago vergoñento aos grupos que apoiaroon ao PSOE na moción de censura”, lembraron os deputados ourensáns, que non dubidaron en cualificar estas contas como “irreais nos ingresos pero dramaticamente reais nos gastos, pois pretenden arranxar a súa incompetencia na xestión facendo ciencia ficción en canto van gastar e ocultando o malgasto que xa están a facer”.
As contas son un brinde ao sol, engadiron, que só sairán adiante co apoio dos independentistas, “non porque crean que son uns bos orzamentos senón porque como confesaron non poden deixar caer ao goberno de Sánchez”.
Para os representantes do PP, o famoso xiro social consiste en levar a cabo as medidas que xa estaban aprobadas polo goberno popular, como a suba xeral de pensións do 1,6 %, as mínimas do 3 % e as de viuvez un 7,15 %; a suba do 2,25% para os funcionarios ou a equiparación salarial, que xa están garantidas con independencia de que se aproben ou non estes orzamentos.
300 EUROS MÁIS EN IMPOSTOS
A gran diferenza fronte ao PP, que baixou o IRPF ás rendas inferiores a 18.000 euros, “é que cada contribuínte pagará agora unha media de 300 euros máis en impostos”, subliñan os deputados ourensáns.
Hai unha suba masiva de impostos que prácticamente tocan todas as figuras tributarias como a renda, Patrimonio, Sociedades, o diésel e as cotizacións á Seguridade Social, creando dous novos impostos: transaccións financeiras e servizos dixitais, con dous efectos claros.
Por unha banda, os impostos non os pagarán os máis ricos, pois a recadación conxunta da suba do IRPF (328 millóns) e do imposto de Patrimonio (339 millóns) é menor que a prevista pola suba do diésel, que alcanza os 670 millóns de euros.
Neste último capítulo, o de hidrocarburos, compre sinalar por exemplo que o parque de turismos ourensán consta de 186.483 vehículos, segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico de novembro de 2018. Deles, o 64 % (118.268) usan o diésel como carburante, polo que sufrirían directamente as consecuencias deste incremento.
Ademais, tampouco serán os bancos nin as eléctricas nin as grandes empresas as que paguen máis, “xa que repercutirán directamente estes aumentos a clientes e usuarios, como xa vimos co impsto sobre Actos Xurídicos Documentados”.
Para o PP, está é unha suba de impostos totalmente innecesaria, xa que a recadación tributaria xa está en máximos e se pode facer fronte ao gasto social que tiña comprometido o PP, que entre 2011 e 2018 aumentou, sen contar o desemprego, en 26.263 millóns de euros.