Noticias
Blog
O PP de Barbadás denuncia a deixadez do goberno, incapaz de ter elaborado nin un borrador dos orzamentos para 2019
• Para a portavoz popular, Consuelo Vispo, tanto PSOE como BNG “parecen ter asumido que non van ser eles os que xestionen os próximos orzamentos, o que estamos a ver nas críticas da veciñanza e as división internas que lles afectan desde hai tempo e que lles poñen máis lonxe do goberno”.
11, xaneiro, 2019.
“O grupo de goberno de Barbadás mostra unha total irresponsabilidade ao non ter elaborado nin tan siquera un borrador dos orzamentos municipais para 2019, o que exemplifica a deixadez do alcalde e dos seus socios de goberno, así como o bloqueo no que sumen ao concello”. Así o denunciou hoxe a portavoz do Partido Popular, Consuelo Vispo Seara, que no pleno do próximo luns esixirá explicacións “tanto para a veciñanza como para os grupos municipais pola ausencia do proxecto económico para o presente ano”.
Os orzamentos, subliñou Vispo Seara, reflicten o compromiso dun goberno municipal coas necesidades dos seus veciños para o mantemento de servizos básicos e novos investimentos, “o que semella que non entende o alcalde ao non ter presentado a estas alturas nin un simple borrador das contas, o que pode ter graves consecuencias para o concello”. A xestión municipal quedará bloqueada mentres se tramiten os orzamentos, sinalou, “o que mesmo pode ralentizar o facer imposibles de realizar futuros investimentos”.
Esta situación, criticou a portavoz popular “é unha demostración máis da ineptitude e desidia do grupo de goberno, falto de ideas e iniciativas, o que tamén se pode ver na orde do día do pleno que só inclúe porla súa banda a aprobación do censo municipal”.
Para Consuelo Vispo, tanto o PSOE como o BNG parecen ter asumido que non van ser eles os que xestionen os orzamentos de 2019, “o que estamos a ver nas críticas que recollemos da veciñanza como consecuencia do abandono, a deixadez e as división internas que lles afectan desde hai tempo e que lles poñen máis lonxe do goberno”.
Tamén lamentou a portavoz do Partido Popular en Barbadás que queden paralizadas “ou esquecidas nun caixón as moitas propostas que presentamos para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños, que é o que nos preocupa, ao contrario que o goberno local só preocupado polo rendemento político”.
Para denunciar esta situación, os populares presentarán no pleno do luns, día 14, unha moción na que esixirán explicacións ao goberno pola ausencia do anteproxecto económico, así como tamén que se presente o decreto de prórroga dos orzamentos do ano 2018. Ademais, pedirán que o interventor elabore un informe sobre o estado no que se atopan as partidas orzamentadas, as áreas que se verían máis afectadas pola prórroga e que investimentos se poden prorrogar.