Noticias
Blog
Eleccións locais 2019: O PP aposta por un modelo de xestión acreditado coa candidatura á alcaldía de Riós de Francisco Armando Veiga
• Manuel Baltar cualificou a candidatura de Veiga “como un seguro de éxito para o PP, porque a veciñanza poderá optar por un modelo de xestión que xa está acreditado e que en todo este tempo deu moi bos resultados para o concello”.
11, xaneiro, 2019.
Francisco Armando Veiga Romero (Riós, 1958) optará a un mandato máis na alcaldía de Riós, liderando a lista que o Partido Popular de Ourense presentará neste concello ás próximas eleccións municipais. Unha decisión que o propio candidato explica “pola aposta persoal en dous proxectos de gran importancia para o Concello” e que o PP saúda “porque permitirá ofrecer á veciñanza un modelo de xestión acreaditado”, afirmou o presidente provincial, Manuel Baltar.
Veiga Romero posúe unha dilatada traxectoria na vida política local, “coa experiencia que me deron os primeiros pasos no Concello desde a oposición e, despois, á fronte do goberno municipal desde 1993”.
O xa candidato popular presume de ter un bo equipo, “bastante renovado e paritario e no que seguirei confiando na súa inmensa maioría, aínda que de seguro haberá algunha incorporación de mozos, seguindo a chamada que ven de facer a dirección provincial do partido, á que lle agradezo a confianza”.
Orgulloso, aínda que nunca satisfeito, cos logros conseguidos neste mandato, entre os que cita “algo que considero fundamental para a creación de emprego, como foi a posta en marcha do Centro Agroforestal, funcionando xa pleno rendemento”, Francisco Armando Veiga recoñece que decidiu presentarse de novo á alcaldía para traballar por dous importantes obxectivos. “Son dous proxectos nos que levamos traballando desde hai tempo –explicou- e nos que teño depositados moita ilusión, como son o parque empresarial de Riós e o centro sociocomunitario, sen esquecer claro está o día a día coa procura de servizos de calidade para a veciñanza”.
O presidente provincial, Manuel Baltar, afirmou entre tanto que para o Partido Popular de Ourense “é unha excelente noticia que Veiga Romero continúe como candidato á alcaldía de Riós, porque é un home experimentado, con visión política, que ten a confianza das súas xentes, elección tras elección, e como estamos a ver sempre deseñando proxectos razoables”.
Manuel Baltar cualificou a candidatura de Veiga “como un seguro de éxito para o PP, porque a veciñanza poderá optar por un modelo de xestión que xa está acreditado e que en todo este tempo deu moi bos resultados para o concello”.
O presidente dos populares ourensáns agradeceu ao candidato “que teña arrestos suficientes, que lle sobran, para continuar liderando Riós durante os próximos catro anos, un xesto e unha decisión avalada plenamente desde o partido”.