Noticias
Blog
Elvira Lama, terceira portavoz do grupo socialista, estréase cun soberbio patinazo tras o demoledor informe do secretario da Deputación
• O coordinador do grupo popular, Pablo Pérez, afirmou que a deputada do PSOE “quixo estrearse con rechamantes titulares sobre a reprobación a Alfredo García, pero só conseguiu mostrar as súas máis que evidentes carencias políticas ao recorrer ao cualificativo fácil e irreverente, ademais de insultar aos máis de 81.500 ourensáns que nas eleccións locais de 2015 confiaron o seu voto ao PP”.
Ourense, 19 de decembro de 2018.- “Soberbio patinazo” foi o cualificativo utilizado polo coordinador do grupo provincial popular, Pablo Pérez, para definir a estrea de Elvira Lama como portavoz socialista, terceiro do PSOE neste mandato, ante o demoledor informe do secretario da Deputación que considera válida a moción do PP na que se pide a reprobación do presidente da FEGAMP, Alfredo García, e conclúe que os deputados populares non teñen que pagar as costas do anterior proceso xudicial.
Pérez expresou o seu máis “absoluto rexeitamento ao ton faltón, irrespetuoso e antidemocrático” que a deputada socialista empregou esta mañá durante unha comparecencia ante os medios de comunicación ás portas do Pazo provincial. “A deputada quixo estrearse con rechamantes titulares, pero só conseguiu mostrar as súas máis que evidentes carencias políticas ao recorrer ao cualificativo fácil e irreverente, ademais de insultar aos máis de 81.500 ourensáns que nas eleccións locais de 2015 confiaron o seu voto ao PP”.
Para o deputado popular, os socialistas, xunto co resto da oposición, “son incapaces de entender que o obxectivo da iniciativa do PP é denunciar a intromisión ilexítima nas competencias dun goberno provincial, á marxe da exquisita neutralidade que se lle supón ao máximo representante do municipalismo en Galicia”. “O uso sectario e partidista que o señor Alfredo García fixo da súa condición de presidente da FEGAMP é deplorable, por iso e á marxe de cuestións técnicas e xurídicas reiteramos a reprobación, agora validada polo informe do secretario”, engadiu Pérez.
DERIVA SOCIALISTA
O coordinador provincial emprazou a Elvira Lama a preocuparse pola deriva “que afecta o seu partido, que ignora o que é o respecto institucional, como cando o delegado do Goberno en Galicia visitou <en solitario> as obras do AVE ou como cando o subdelegado do Goberno recibe a concelleiros do PSOE de Vilardevós para facer denunciar <suposicións>”.
“A descomposición do partido socialista en Ourense –afirmou Pérez- si que está a afectar directamente a esta corporación coa continua substitución dos seus portavoces e unha triste política de titulares que en nada axuda ao progreso da provincia”.
Aínda máis grave é o caso do único representante do BNG, engadiu Pablo Pérez, que no seu día se sumou á petición dun informe de legalidade ao secretario da Deputación, quen agora considera que a emenda nacionalista á moción do PP “sería un acto nulo de pleno Dereito, por infracción das regras esenciais de formación da vontade do Pleno”.
O deputado do PP lembrou a todos os membros da oposición que en política “sempre haberá tantas estratexias de goberno como partidos que gobernen, pero nunca, xamais, verán ao Partido Popular utilizar as institucións para impoñer outras formas de goberno; para iso están as urnas”.