Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 Eleccións locais 2019: Patricia Lamela asume o reto de revalidar a alcaldía do Partido Popular no Concello de Larouco

Imprimir ppou - 04-Decembro-2018 - 16:51:24 


• A candidata afirmou sentirse “moi ilusionada e con ganas de traballar, cun equipo que inclúe xente moza deseosa de facer cousas e con moitas ideas”, pero tamén contando coa experiencia do actual alcalde, Joaquín Prieto, que lle acompañará na lista.

• Manuel Baltar, presidente provincial do PP, tivo palabras de gratitude “para o labor realizado polo rexedor nestes vinte anos”, así como pola súa capacidade política para propoñer como candidata “a unha persoa que ten clara a filosofía de traballo do noso partido, que non é outra que equipo, ilusión e esforzo”.


4, decembro, 2018.

  
  
Equipo, sorpresa, ilusión e gratitude son as palabras que resumen o reto que ven de asumir Patricia Lamela Rodríguez (Larouco 1980), que encabezará a lista do Partido Popular polo Concello de Larouco nas eleccións locais de 2019. A candidata optará a tomar o relevo de Joaquín Bautista Prieto, que logo de dúas décadas á fronte do goberno municipal decidiu que “xa era hora de dar paso a xente máis nova”.  Un xesto que o presidente provincial, Manuel Baltar, cualificou de xeneroso “no máis amplo termo da expresión, posto que tamén estará na lista popular para aportar a súa experiencia”.

Patricia Lamela, técnica de auxiliar de enfermaría e odontoloxía, traballando na actualidade na residencia de maiores de Larouco, xa formou parte do grupo municipal de goberno en dous mandatos anteriores “polo que podo aportar a miña aprendizaxe no ámbito local, aínda que o máis importante é que non vou estar soa porque estou rodeada de xente con moitas ideas”.

Sorprendida polo seu nomeamento, a candidata afirma sentirse “moi ilusionada, con ganas de traballar, como o meu equipo, que inclúe moita xente moza deseosa de facer cousas”. Entre elas, sinala Lamela, “loitar por un concello rural evitando que a xente marche, dándolle a oportunidade de que se queden grazas a todas as iniciativas que podamos levar a cabo”.

“Estou moi agradecida a Joaquín Prieto por pensar en min para esta nova etapa e, por suposto, ao presidente provincial por ofrecerme esta oportunidade”, engadiu Patricia Lamela. A mesma gratitude que expresou o actual rexedor, “polo apoio que nestes 22 anos tiven por parte do meu partido”. Prieto comprometeuse a seguir traballando “polo meu municipio, aportando toda a miña experiencia e formando parte da lista do PP”. 

“O alcalde de Larouco tivo un xesto de moita xenerosidade ao abrir paso a novas xeracións de persoas do Partido Popular, tamén dispostas a dalo todo pola súa xente e a súa terra”, subliñou pola súa banda o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, que tamén tivo palabras de agradecemento para a veciñanza “polo apoio maioritario outorgado ao PP nas sucesivas convocatorias electorais”.

Manuel Baltar non só recoñeceu “o labor desenvolvido polo rexedor neste tempo, senón tamén a súa capacidade política para propoñer como candidata a unha persoa que ten clara a filosofía de traballo do noso partido, que non é outra que equipo, ilusión e esforzo”.


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: