Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 Debate sobre o estado da provincia: O grupo popular presenta un decálogo de propostas sociais e económicas, con especial atención á emigración e turismo

Imprimir ppou - 31-Outubro-2018 - 16:13:26 


• As iniciativas dos populares tamén inclúen accións nos ámbitos do emprendemento, enerxía e medio ambiente, dando continuidade ás actuacións que se están a desenvolver en termalismo.

• A pouco máis de sete meses para o remate deste mandato, Pablo Pérez salientou que as iniciativas presentadas polo PP “non só completan o noso plan de goberno Ourense 15-19, senón que veñen de sentar as bases para futuras accións”.


Ourense, 31 de outubro de 2018.- Iniciativas de carácter social e económico, de atención á emigración, sobre emprendemento, enerxía e medio ambiente, termalismo, turismo e cultura forman parte do decálogo de propostas que o grupo provincial do Partido Popular presentará no debate sobre o estado da provincia, convocado para o próximo 6 de novembro. Un documento que, en palabras do deputado e coordinador do grupo popular, Pablo Pérez, “fai énfase en aspectos que consideramos moi importantes á hora de completar a acción de goberno e o plan Ourense 15-19 e aí está, por exemplo, a nosa firme aposta polo termalismo”.

A pouco máis de sete meses para o remate deste mandato, Pablo Pérez salientou que as iniciativas presentadas polo PP “non só completan o noso plan de goberno, senón que veñen de sentar as bases para futuras accións”, citando expresamente a proposta de crear unha oficina de atención a emigrantes e inmigrantes, “xa que ademais de axudarlles tamén nos ofrecen a oportunidade de contribuír ao crecemento demográfico”.

Sen deixar de citar a sempre presente colaboración co resto de administracións, como no caso da Xunta de Galicia, Pérez tamén incidiu na atención a colectivos sociais concretos como as persoas en risco de exclusión social, vítimas de violencia de xénero e os maiores, sector este último que “cada vez será máis numeroso e vai precisar de máis servizos, co que tamén estaremos xerando novas oportunidades de emprego”.

O coordinador do grupo popular tamén subliñou a aposta do goberno provincial polo emprendemento e, sobre todo, o turismo “xa que non podemos deixar a oportunidade que vai supoñer para esta provincia o Xacobeo 2021”.


PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN DO GRUPO PROVINCIAL POPULAR

1-.SOCIO-LABORAL. Elaboración dun censo provincial sobre o número de persoas en risco de exclusión social e vítimas de violencia de xénero con vistas á elaboración dun plan de inserción laboral. En colaboración cos servizos sociais dos concellos, a elaboración dun censo de persoas en risco de exclusión social e vítimas de violencia de xénero permitiría o deseño de plans de inserción laboral axeitados a cada realidade, completando ao tempo outra iniciativa sobre o censo de persoas con necesidades de atención, como o probado por esta Deputación para os maiores que viven sós.


2.- SECTORES PRODUTIVOS. Incorporación de informes sobre os sectores estratéxicos da provincia ao Observatorio Económico Ourensán. Aproveitar a plataforma que brinda o Observatorio Económico Ourensán para incorporar informes sobre sectores económicos estratéxicos na provincia, como por exemplo o viño, a castaña, a pataca e, sobre todo, de produtos con denominacións de orixe, selo de calidade ou indicación xeográfica protexida. Son informes que non existen nunha adecuada dimensión nin tratamento e que tamén supoñen unha forma de dar a coñecer o potencial da provincia.


3.- ENERXÍA E SOSTIBILIDADE. Fomento da sostenibilidade e do uso de enerxías alternativas. Fomentar desde a Deputación de Ourense a sostibilidade e o aforro enerxético, promovendo o uso de enerxías alternativas, o uso de tecnoloxías de baixo consumo, como por exemplo a tecnoloxía Led, e implantando nesta institución, na medida do posible, o uso de vehículos híbridos e eléctricos, sacando tamén unha liña de axuda para que os concellos da provincia poidan sumarse a esta iniciativa.


4.- MEDIOAMBIENTAL. Mimetización e embelecemento das zonas de contedores de lixo. Crear unha liña de apoio da Deputación para a instalación de sistemas de contención de contedores de residuos sólidos urbanos, tendo cabida a instalación de recintos, cerramentos e illotes para contedores de residuos ou calquera outro mobiliario ou accesorio urbano relacionado coa correcta xestión dos residuos, ofrecendo unha solución estética, integradora e mimetizada coa paisaxe.


5.- PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS. Convenio coa Consellería de Medio Rural para poñer a disposición a  maquinaria da Deputación de Ourense para complementar a limpeza de franxas de seguridade nos concellos. O convenio iría encamiñado a realizar tarefas de desbroce nas parroquias, que non sendo de alto risco, estean situadas en concellos que si contan con parroquias con esta cualificación.


6.-  CULTURA E IDENTIDADE PROPIA. Poñer en valor a obra e pegada da Xeración “Nós”, cumpríndose en 2020 os cen anos do primeiro número da Revista “Nós”. A contribución ao pensamento galeguista e as súas achegas á nosa identidade merecen a posta en marcha de diferentes actividades, entre elas unha grande exposición en cooperación coa Xunta de Galicia.


7.- EMPRENDEMENTO. Promover e/ou apoiar a creación dun ecosistema de emprendemento a nivel provincial, tendo en conta o éxito dos programas de coworking postos en marcha en colaboración co Ministerio de Industria e o éxito emprendedor de moitos ourensáns ao longo da historia.


8.- EMIGRACIÓN. Creación da “Oficina do Emigrante Retornado e do Inmigrante”, prestando información, axuda e titoría para incorporarse a Ourense, residencia, oportunidades laborais e educativas, axudando a fixar poboación e facilitándolles a chegada á nosa provincia.


9.- TERMALISMO. Apoiar técnica, xurídica e mesmo economicamente a posta en marcha de establecementos termais dende a súa xénese, determinando a existencia de augas termais e caudal suficiente, mesmo nalgún concello da provincia que na actualidade non ten a consideración de vila termal, como si contan con esa acreditación doce dos 92 que conforman o noso territorio.


10.- TURISMO. Elaboración dun Plan de acción respecto ao protagonismo da provincia de Ourense no Xacobeo 2021.


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: