Noticias
Blog
Rosendo Fernández: “É inadminisible a utilización sectaria e partidista da Subdelegación do Goberno por parte do PSOE”
• Fernández tamén critica ao subdelegado do Goberno, que “fóra das súas atribucións afirma que estarán vixiantes ante unha situación que os propios socialistas definen como conxetura”
26, setembro, 2018.
O secretario xeral do Partido Popular de Ourense, Rosendo Fernández, cualifica como “inadmisible a utilización sectaria e partidista por parte do PSOE dunha institución pública”, en concreto a Subdelegación do Goberno en Ourense, á que sorprendentemente acode para denunciar “temores e hipóteses relacionados con supostas irregularidades no censo do Concello de Vilardevós”. Un feito que resulta aínda máis rexeitable, engade, cando o propio subdelegado do Goberno, “fóra das súas atribucións, afirma que estarán vixiantes ante unha situación que os propios socialistas definen como conxetura”.
Rosendo Fernández lémbralle ao PSOE que é a xustiza a encargada de investigar calquera vulneración ou fraude de lei mediante a presentación de denuncia e das correspondentes probas, “pero non de medos nin suposicións”.
A propia Fiscalía, subliñou, xa se pronunciou ao respecto ao arquivar unha denuncia dos socialistas de Vilardevós –segundo eles mesmos recoñeceron o pasado día 14- ao considerar que non había caso.
Con todo, “o PSOE amosa un nulo respecto non só polas institucións do goberno de España, senón tamén pola xustiza ao anunciar que continuarán facendo o que consideren oportuno”, di Fernández.
Para o secretario xeral do PP ourensán, “os socialistas están a amosar a súa desesperación e impotencia a nove meses das eleccións municipais, tratando de sementar todo tipo de dúbidas sobre os alcaldes e gobernos populares, “nunha demostración máis de que nin teñen programa nin candidatos cos que gañar a confianza da veciñanza nas urnas”.