Noticias
Blog
Os deputados populares lembran ao Goberno de Sánchez os compromisos con Ourense en estradas pendentes de cumprimento
• Esixen a licitación antes de que finalice 2018 do tramo Eirasvedras-Quintela da variante norte de Ourense e a circunvalación do Barco de Valdeorras, para as que existe consignación nos vixentes PGE.
• Reclaman a Fomento a aprobación do proxecto de construción do tramo A Veiga de Cascallá-O Barco da Autovía A-76, paso previo á súa licitación.
• Demandan a activación das obras do tramo A Barrela- Sanmartiño da autovía A-56 (Ourense-Lugo), cuxa finalización está comprometida para mediados de 2019.
13, setembro, 2018.
No inicio do curso político, os parlamentarios ourensáns Miguel Ángel Viso, Celso Delgado e Ana Belén Vázquez constatan a enorme debilidade, carencia de apoios e constantes contradicións de Pedro Sánchez e o seu Goberno, que acaban de cumprir o seu primeiros tres meses de xestión.
Desde a toma de posesión do novo responsable do Ministerio de Fomento e do seu equipo, o deputado Celso Delgado veu mantendo contacto cos responsables da área de estradas, a fin de facer un seguimento aos principais proxectos de investimento que se contemplan nos PGE para 2018 e que teñen un cronograma previsto. Así, a finais do pasado mes de xullo Delgado mantivo unha reunión co novo director xeral de Estradas ao que entregou un documento sobre as prioridades da provincia de Ourense.
Finalizou o mes de agosto e mediado setembro, ante a ausencia de noticias que esperábamos aparecesen xa publicadas no BOE, os deputados ourensáns do PP presentamos no Congreso unha serie de preguntas ao Goberno interesando o cumprimento dos compromisos contraídos polo Ministerio de Fomento coas estradas de Ourense e que se plasman nos PGE de 2018. Contas públicas en vigor desde o 4 de xullo e que foron elaboradas polo goberno de Mariano Rajoy e aprobadas pola maioría parlamentaria do Partido Popular e os seus aliados. Estas preguntas versan, entre outras, sobre estes proxectos:
VARIANTE DE OURENSE: TRAMO EIRASVEDRAS-QUINTELA
O 7 de febreiro de 2018, o secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda asinou a resolución mediante a cal se aprobaba o expediente de información pública e, definitivamente, o documento técnico de adecuación do proxecto de construción do tramo enlace de Eirasvedras coa N-120 no seu punto quilométrico 573,800 - Ligazón de Quintela coa N-120 no seu punto quilométrico 572,000 (orzamento de licitación estimado con IVE de 30,2 millóns de euros).
O 7 de maio de 2018 nun acto oficial en Ourense, o anterior ministro Íñigo de la Serna resaltou a prioridade para o Ministerio sobre a variante de Ourense, no tramo entre Eirasvedras e Quintela, sinalando que “o proxecto de construción finalizarémolo no mes de xuño e a partir de aí entraremos na fase de supervisión do mesmo e será unha das prioridades de licitación en 2018”. E engadiu que “imos seguir traballando na redacción do proxecto do tramo entre Quintela-A Casilla, duns 95 millóns de euros, para tentar chegar a finalizar o proxecto neste ano 2018.”
Pois ben, o Goberno socialista non cumpriu co obxectivo de aprobar o proxecto no pasado mes de xuño e tres meses despois segue sen anunciar a conclusión do proxecto de construción do tramo Eirasvedras-Quintela, para que previa supervisión se proceda á súa licitación antes de que finalice 2018. Os PGE de 2018 contemplan para este tramo unha partida de 2,5 millóns de euros. Os deputados ourensáns consideran que non son admisibles máis demoras nesta actuación de vital importancia para a cidade de Ourense e esixen que se cumpra o comprometido.
CONEXIÓN ENTRE A N-120 E A N-536. CIRCUNVALACIÓN DO BARCO DE VALDEORRAS
O proxecto construtivo desta estrada (5,6 qm. e un orzamento de 63,6 millóns) foi aprobado en novembro de 2016.
O 7 de maio de 2018 nun acto oficial en Ourense, o anterior ministro Íñigo de la Serna dixo que “a conexión entre a N-120 e N-536, coñecida como circunvalación do Barco, é outra das estradas demandada na provincia e na que estamos a traballar na fase final da tramitación correspondente a un proxecto xa aprobado con vistas a poder licitar neste mesmo as actuacións”
Pois ben, o Goberno socialista, malia ter consignados 3 millóns de euros nos PGE para 2018, segue sen licitar as obras desta estrada que resulta de gran importancia para evitar o tránsito de camións pesados polo centro do Barco, estrada que ademais vén sendo reclamada de modo insistente desde hai anos polas forzas políticas e sociais de Valdeorras. Os deputados ourensáns reclaman a licitación inmediata.
AUTOVÍA A-76. TRAMO ENTRE A VEIGA DE CASCALLÁ E O BARCO DE VALDEORRAS
O tramo da A-76 entre A Veiga de Cascallá-O Barco de Valdeorras ten unha lonxitude de 8,4 quilómetros e un orzamento de 26,35 millóns de euros. O 7 de maio de 2018 nun acto oficial en Ourense, o anterior ministro Íñigo de la Serna dixo que “o departamento de Fomento está a traballar no tramo entre O Barco e León intensamente”. O BOE do 10 de maio de 2018 publicou a aprobación do expediente de información pública do tramo que discorre integramente pola comarca de Valdeorras
Pois ben, o Goberno socialista debe activar a aprobación neste ano 2018 do proxecto de construción que permita licitar as obras deste primeiro tramo da ansiada Autovía A-76, entre A Veiga de Cascallá-O Barco de Valdeorras. Os PGE de 2018 contemplan para este fin unha partida de 3 millóns de euros.
AUTOVÍA A-56. OURENSE-LUGO
O 28 de maio de 2018 celebrouse no Ministerio de Fomento unha reunión entre o secretario xeral de Infraestruturas, Manuel Niño, e un grupo político-empresarial comisionado para falar do impulso da autovía A-56 (Ourense-Lugo). Os responsables de Fomento informaron que as obras entre A Barrela e Sanmartiño (9,8 qm; 33,43 millóns) - executadas xa en máis dun 50 % - estarían previsiblemente finalizadas a mediados de 2019 e que nos PGE de 2018 había unha consignación de 10,76 millóns de euros para continuar coas obras neste tramo.
Así mesmo, informaron que continuarían avanzando nos proxectos dos seguintes tramos da A-56 ata Cambeo, Quintela-A Casilla (3 qm; 127,05 millóns) e Ourense-enlace Cambeo (9,0 qm; 94,86 millóns).
Pois ben, en relación con esta actuación constatamos que a execución das obras do tramo entre A Barrela e Sanmartiño avanzan con lentitude e que é necesario activalas ao máximo, para que se poidan concluír a mediados do próximo ano 2019. Ao mesmo tempo pedimos que se programe unha nova reunión no Ministerio de Fomento coa finalidade de repasar a evolución do resto dos tramos.
Ademais os parlamentarios ourensáns Miguel Viso, Celso Delgado e Ana Belén Vázquez interesan do Goberno socialista a inmediata licitación das sendas peonís en Razamonde, que contan nos PGE para 2018 cunha partida de 260.000 euros, así como executar as actuacións para o mantemento e mellora da seguridade viaria das estradas do Estado en Ourense, para as que se contemplan nos PGE de 2018 partidas por importe de 9,15 millóns.