Noticias
Blog
Unha delegación composta por máis de 80 persoas representará ao PP de Ourense no congreso extraordinario
• Compromisarios electos (73) e natos (12) participarán nun cónclave que “marcará o inicio dunha nova etapa no Partido Popular, que aspira a voltar ao goberno da nación”, dixo o presidente provincial Manuel Baltar.
19, xull, 2018.
Un total de 85 persoas representarán desde mañá venres, día 20, ao Partido Popular de Ourense no congreso nacional extraordinario que o PP celebra esta fin de semana en Madrid. Os compromisarios ourensáns formarán parte dos 3.082 representantes de toda España que decidirán, logo dunha primeira volta, ao presidente nacional da formación.
Xunto cos 72 compromisarios electos, que non chegaron ás urnas ao corresponder o número previsto nas xuntas locais co de candidatos, e mailo representante de Novas Xeracións, que si foi elixido en votación, a delegación ourensá está integrada por doce compromisarios máis de carácter nato.
Son o presidente provincial, Manuel Baltar; os deputados nacionais Miguel Ángel Viso, Ana Belén Vázquez e Celso Delgado; os senadores Avelino García, Francisco Fernández, Carmen Leyte e Juan Manuel Jiménez; o alcalde de Ourense e presidente da xunta local, Jesús Vázquez; o presidente do Parlamento e membro do comité executivo provincial, Miguel Santalices; unha representante ourensá de Novas Xeracións en Madrid, Diana Pérez; e a presidenta do Partido Popular en Panamá, a tamén ourensá Mariela Estévez.
“Esta fin de semana imos poñer os piares dunha nova etapa no PP, que aspira a voltar ao goberno da nación”, dixo o presidente provincial Manuel Baltar antes de partir cara a Madrid.
Baltar non deixou de amosar a súa satisfacción polo feito de que na primeira parte deste proceso electoral “fósemos visitados por todos os candidatos, o que ven de demostrar que o traballo e os resultados do PP de Ourense son todo un referente en España”.