Noticias
Blog
A Deputación levará ao vindeiro pleno a modificación de crédito para a construción dun novo campo de herba artificial en Ribadavia
- Con esta modificación de crédito a Deputación cumpre co compromiso adquirido polo presidente provincial, Manuel Baltar, na reunión celebrada o pasado 14 de xullo de 2017 cos representantes da plataforma veciñal “Campo de herba artificial xa” e o voceiro do grupo municipal do PP, César Fernández.
Ribadavia, 13 de abril de 2018.- O goberno da Deputación de Ourense levará ao vindeiro Pleno do mes de abril un expediente de modificación de crédito, con cargo ao remanente de tesoureiría no que se inclúe a partida económica comprometida para a construcción dun novo campo de herba artificial en Ribadavia.
Con esta modificación de crédito a Deputación de Ourense cumpre co compromiso adquirido polo presidente provincial, Manuel Baltar, na reunión celebrada o pasado 14 de xullo de 2017 cos representantes da plataforma veciñal “Campo de herba artificial Xa” e o voceiro do grupo municipal do Partido Popular César Fernández.
Segundo o voceiro do grupo popular, César Fernández, “unha vez máis o goberno provincial cumpre cos seus compromisos e habilita a partida económica que permitirá a construcción do tan demandado novo campo de herba artificial en Ribadavia, de tal xeito que unha vez que o concello resolva todos os trámites administrativos relativos a permisos e ubicación, o novo campo de herba artificial será unha realidade.”
César Fernández salientou que “cómpre lembrar que o actual campo de herba artificial está afectado por restriccións de uso debido á necesidade de establecer un perímetro de seguridade dende agosto de 2015. Unha restricción de uso derivada do feito de que caísen obxectos dende o viaduto da A-52 ao campo de fútbol,co perigo que iso supuña para os usuarios”
Segundo afirmou o voceiro popular “o problema ao que agora se lle vai por solución ven derivado dun cúmulo de despropósitos do goberno socialista de Ribadavia que, en primeiro lugar, impuxo no seu día a actual ubicación do campo de herba artificial sen ter en conta todas as voces que lle dicían que esta ubicación non era a idónea e, en segundo lugar, mantivo oculta durante 14 meses unha orde de peche do campo de fútbol de herba artificial, ditada por razóns de seguridade por parte do Ministerio de Fomento, poñendo en perigo a centos de usuarios.”