Noticias
Blog
Miguel Ángel Viso propón no Congreso instaurar o Día do Viño para dar visibilidade a un produto de calidade recoñecido no mundo
• Máis aló da súa importancia polo volume de exportacións e motor económico no rural, o deputado ourensán apelou á súa historia milenaria en España, o arraigamento cultural nas zonas produtoras e a súa influencia na preservación do medio ambiente.
Ourense, 21 de marzo de 2018.- A diferenza da maior parte dos países de cultura vitivinícola, España non ten un Día Nacional do Viño “a pesar de ser a maior área de cultivo do mundo con case un millón de hectáreas, o maior exportador por volume, un produto de recoñecida calidade, con valor histórico e cultural e que exerce como motor económico no rural”. O deputado ourensán, Miguel Ángel Viso, defendeu así esta tarde na comisión de Agricultura do Congreso unha proposición non de lei, aprobada por ampla maioría, na que o grupo popular pide ao Goberno que instaure o Día do Viño, en recoñecemento a un sector que ten un valor superior aos 6.000 millóns de euros e representa o 1,5 % do PIB español.
Miguel Ángel Viso incidiu na importancia económica dun produto que en 2017 alcanzou cifras récord de exportación, con 3.435 millóns de euros, e dun sector que durante a crise non perdeu emprego, contribuíndo a fixar poboación no rural e, de modo especial, ofrecendo aos mozos novas oportunidades de traballo sustentables. Todo iso, engadiu, “sen esquecer o efecto de arrastre que exerce sobre outros sectores como o turístico”.
Pero máis aló do ámbito económico, destacou o deputado ourensán, o viño “ten unha historia milenaria en España, forma parte do arraigamento cultural de moitas zonas do noso país e modelou e preservou súa contorna natural”.
Aínda que existen innumerables festas locais ou rexionais, dedicar un día do calendario nacional ao viño “contribuiría a dar visibilidade e notoriedade a un produto calidade diferenciada, recoñecer a súa importancia económica, social e cultural en amplas zonas do país e aumentar o valor da marca España nos mercados internacionais”, engadiu o deputado popular.