Noticias
Blog
O PP de Allariz esixe ao Concello que acometa o soterramento da rede eléctrica e de telefonía no casco histórico “polo forte impacto visual”
• Nunha moción presentada para o seu debate no próximo pleno, o grupo popular lembra que o plan especial desta área xa indicaba hai 22 anos a necesaria eliminación do cableado aéreo.
• Os populares alaricanos tamén pedirán que se habilite a antiga Casa da Radio para que os 170 membros da Unión Musical de Allariz teñan un espazo axeitado para as súas actividades.
Ourense, 28 de novembro de 2017.- O grupo popular no Concello de Allariz pedirá ao goberno municipal que acometa nun prazo máximo de tres anos o soterramento das redes eléctricas e de telefonía no casco histórico da vila “polo forte impacto visual que provoca nas fachadas dos edificios, por mor dun desaxeitado sistema de tendidos aéreos sen o máis mínimo coidado”. Así consta na moción que o PP presentou para o seu debate no próximo pleno, e na que tamén solicita un plan de substitución das luminarias por outras de maior eficiencia enerxética e cun deseño acorde á zona.
A portavoz do grupo popular, Luz Doporto, criticou “a inacción do goberno municipal na protección do casco histórico, cando hai xa 22 anos o plan especial desta área indicaba a necesidade de eliminar o cableado aéreo”. Así consta, engadiu, tanto na memoria informativa do plan como na memoria xustificativa, “onde se fala do impacto visual e se di repetidamente “que hai que acometer progresivamente o soterramento destes servizos e substituír os elementos luminosos”.
Pero tamén, destacou Doporto, as directrices de ordenación do territorio, que entraron en vigor en febreiro de 2011, “indican que deben establecerse medidas, en coordinación coas empresas subministradoras, para a eliminación progresiva dos tendidos aéreos nas zonas de interese patrimonial natural e cultural, e xa pasaron outros seis anos sen facer nada”.
Para Doporto é lamentable que o goberno nacionalista non habilitara ningunha partida orzamentaria en todos estes anos para realizar ditas obras “malia ás subvencións e aportacións económicas doutras administracións, así como a elevada presión fiscal que soportan os veciños”.
Espazo para a Banda Unión Musical Allariz
O Partido Popular de Allariz tamén levará ao próximo pleno unha segunda moción na que pide ao equipo de goberno que habilite os medios económicos, humanos e materiais para dotar á Banda Unión Musical de Allariz dun espazo axeitado ás súas necesidades, propoñendo para elo a antiga Casa da Radio. En concreto, o grupo popular formula na súa proposta que se destine unha contía da partida Allariz 2020, dotada con máis de 600.000 euros, ás obras de reforma deste edificio, de dúas plantas, e que tamén acolle actividades doutras asociacións e colectivos”.
Na actualidade, afirmou Luz Doporto, os 170 membros da Unión Musical ensaian repartidos entre a antiga Casa da Radio, o local social de Roimelo e a Casa da Cultura “e os integrantes deste conxunto merecen un trato xusto, considerado e un recoñecemento ao seu esforzo, por ser a día de hoxe os mellores embaixadores da marca Allariz”.
A portavoz municipal do PP destaca que a Unión Musical ven reclamando ao Concello desde hai máis de dous anos un espazo único e suficiente onde ensaiar e dexiar todos os instrumentos. “Mesmo houbo contactos co alcalde –engadiu- que prometeu buscar unha solución, pero a realidade é que non se ve ningún interese pola súa parte en tomar en consideración esta petición”.
A moción popular, ademais de pedir o acondicionamento da antiga Casa da Radio, inclúe unha declaración expresa de apoio á banda Unión Musical de Allariz por parte da corporación local.