Noticias
Blog
Novas Xeracións de Ourense cidade achegará a política aos mozos a través da formación na escola Roberto Padilla
Ourense, 25 de outubro de 2017.- A xunta local de Novas Xeracións en Ourense cidade pretende achegar o mundo da política aos mozos a través da formación, abordando para elo diversos ámbitos como a administración pública e os seus procedementos, politoloxía, as institucións europeas, economía, comunicación e mesmo oratoria. Esta iniciativa desenvolverase a través do centro popular de formación e estratexia do PP de Ourense Roberto Padilla, e que ten como obxectivo a realización de actividades formativas de ámbito político e social.
Este foi un dos asuntos tratados na reunión que mantivo a xunta local da organización xuvenil na capital, que preside Sergio María Rodríguez, acompañado nesta primeira cita polo o secretario provincial de organización do PP, Pablo Pérez, o secretario xeral do Partido Popular en Ourense cidade, Roberto Bermúdez, o presidente provincial de NNXX, José Antonio Parente, e o novo secretario xeral autonómico desta organización, Iago Acuña.
Sergio María Rodríguez e o secretario da xunta local, Adrián Fariñas, presentaron aos asistentes a nova estrutura de traballo na cidade, que estará centrada en tres distritos: Ourense norte, centro e sur, división que abrangue a totalidade dos barrios da capital. Cada un destes distritos terá o seu propio presidente, que serán Christian Silva no distrito sur, Alberto Fraguas no norte e Manuel Alexandre Novoa no centro.
No marco desta nova etapa falouse tamén da renovación e reorganización da presenza da organización xuvenil nas redes sociais, que xa está en marcha baixo o lema #OurenseIlusiona.
Por último, os mozos de Novas Xeracións tamén foron informados das campañas solidarias que se realizarán con motivo do Nadal e que incluirán a recollida de alimentos e xoguetes.