Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 O goberno de Ribadavia enganou á veciñanza ao respecto da creación dun servizo de conciliación

Imprimir ppou - 02-Outubro-2017 - 10:30:30 


• Incumple un novo acordo plenario que permitiría crear un servizo para acoller ás crianzas dende as 7:30 ata á entrada no colexio, e proporcionar un servizo de almorzo saudable para todos aqueles que o demandaran.

• O propio grupo socialista comprometérase a crear unha listaxe aberta para comprobar a demanda do servizo e non fixo absolutamente nada.

Ribadavia, 29 de setembro de 2017.- O goberno socialista de Ribadavia incumpriu, unha vez máis, un acordo plenario que fora adoptado por unanimidade da corporación municipal. Desta volta o incumprimento afecta a unha moción que presentara o grupo municipal do Partido Popular no Pleno de xullo para crear un servizo de conciliación familiar que se puxera en marcha ao inicio do curso 2017/2018.

No debate da devandita moción, o propio goberno municipal por voz da concelleira de benestar social, formulara daquela unha emenda na que se pedía crear unha lista na que se apuntaran os interesados para comprobar se existía demanda dun servizo destas características. Pois ben, a día de hoxe, e xa co curso escolar iniciado, podemos comprobar que non se creou o servizo de conciliación como se pedía na moción, pero  ademais non se creou ningunha listaxe na que se puideran apuntar os interesados para comprobar a demanda ou o interese da veciñanza nesta iniciativa, tal e como propuxera o propio grupo socialista.

O esperpéntico desta situación agudizouse no pleno de onte cando o alcalde, respondendo a unha pregunta do grupo popuar sobre este asunto, sacou todo o seu repertorio de mentiras e excusas de mal pagador para xustificar un incumprimento que obedece únicamente ao desleixo e a falta de capacidade deste goberno para crear novos servizos que melloren a calidade de vida dos veciños.

O voceiro popular César Fernández, sinalou que “unha vez máis, o goberno socialista enganou á veciñanza incumprindo un acordo plenario que permitiría que as nais e pais que o necesitasen, disfrutaran dun servizo de conciliación que lles permitise deixar aos seus fillos dende as 7:30 ata a entrada no colexio, e no que contarían tamén cun servizo de almorzo saudable todos aqueles que o desexaran.”

Fernández salientou que “as excusas que puxo onte no pleno o señor alcalde foron unha proba máis de que este señor pretende tomarlle o pelo a todo o mundo xa que, por exemplo, dixo que o servizo non podía implementarse porque non existía partida orzamentaria dispoñible. Esto podería ser creíble se neste mesmo pleno non se aprobara unha modificación de crédito para a compra dun vehículo para os servizos municipais; pero ademais, o alcalde, con absoluto descaro, fala da ausencia de partida presupuestaria pero non lembra que o grupo popular xa lle solicitara que se incluira unha partida para esta finalidade no orzamento de 2017, pero o grupo de goberno rexeitou todas as propostas que lle fixemos, como fai sistemáticamente dende que se iniciou a lexislatura.”

Para o voceiro popular “O que ocurre co servizo de conciliación que non é quen de poñer en marcha o goberno municipal é unha boa metáfora do que está a ser esta lexislatura; un período no que estamos a asistir á absoluta incapacidade do goberno municipal de implementar políticas e crear novos servizos que melloren a calidade de vida dos veciños. Asistimos a o lamentable espectáculo dun goberno e un alcalde que están absolutamente superados pola situación, e aos que lle ven moi grande o cargo, unha cuestión que se fai evidente na prepotencia e a grosería da que fai gala nos plenos”.

Fernández salientou que “estamos vendo día tras día que o goberno socialista de Ribadavia está a ser un lastre para o desenvolvemento e o progreso do concello. O resto das forzas políticas temos a obriga de traballar en serio buscando tecer alternativas sólidas de goberno antes de que a situación sexa irreversible, e dende logo, no grupo municipal popular estamos dispostos a facelo e a sentarnos coas demais forzas políticas para negociar, sen liñas vermellas, unha saída a esta situación de absoluto desgoberno na que se atopa Ribadavia.”


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: