Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 O Parlamento aproba demandar ao Ministerio de Fomento unha rehabilitación estrutural do firme da N-120, especialmente no tramo de Valdeorras a Monforte

Imprimir ppou - 16-Maio-2017 - 20:10:00 


• O deputado popular ourensán Moisés Blanco considerou “unha tomadura de pelo” que En Marea presentara unha emenda aos orzamentos do Estado a través da que retira 5,5 millóns de euros da construción da A-76 en O Barco e Monforte para destinalos ao Fondo de Continxencia

Santiago, 16 de maio de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou esta tarde unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se demanda ao Ministerio de Fomento que impulse unha rehabilitación estrutural do firme da estrada Nacional-120, especialmente no tramo que transcorre desde Valdeorras ata Monforte de Lemos. Así mesmo, o deputado popular Moisés Blanco asegurou que “nin o PP, nin Valdeorras, nin a terra de Lemos, nin O Bierzo imos permitir que grupos políticos como En Marea paralicen a construción da autovía A-76”.

  
  
Moisés Blanco lembrou que o Ministerio de Fomento considera a A-76 como unha infraestrutura estratéxica e, deste xeito, foi incluída no Plan de Infraestruturas, Transporte e Vivenda 2012-2024. “Trátase dunha importante infraestrutura de comunicación que conta con gran apoio en todas as localidades polas que discorre, atopándose nestes intres varios tramos do proxecto en fase de redacción”, indicou.

Porén, o deputado popular considerou “unha tomadura de pelo para todos os veciños de Valdeorras e das terras de Lemos que En Marea presentara unha emenda aos orzamentos do Estado a través da que solicita que se retiren máis de 5,5 millóns de euros destinados á construción do tramo da A-76 entre A Veiga de Cascallá e O Barco de Valdeorras, e da circunvalación de Monforte, para incorporalos ao Fondo de Continxencia”. “A quen representan vostedes cando se opoñen á construción desta autovía, que ten o apoio unánime das forzas políticas, económicas e sociais da comarca”, apuntou.

“Poderíamos entender que En Marea non quixera que se construíra a A-76, pero cando menos non retiren o investimento destinado á comarca de Valdeorras ou Monforte para mandalo ao Fondo de Continxencia”, indicou o deputado.

Blanco sinalou que, “ata que o proxecto da A-76 se converta nunha realidade, é necesario que a N-120 estea nas mellores condicións para o seu uso seguro e eficiente, xa que a día de hoxe continúa a ser a vía principal de comunicación destas comarcas do interior de Galicia, pola que se transportan 450.000 toneladas de pizarra para a súa exportación por terra ou mar”. 

Deste xeito, o Parlamento galego aprobou a proposición non de lei do Grupo Popular que demanda ao Ministerio de Fomento o impulso dunha rehabilitación estrutural do firme da estrada N-120, continuando cos traballos de desmontes e saneamentos de rochas para impedir desprendementos.


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: