Noticias
Blog
Os parlamentarios galegos por Ourense presentan nove iniciativas para axudar a paliar os efectos das xeadas nos viñedos
•Nunha proposición non de lei propoñen asesoría na poda e recuperación dos viñedos, a consideración das xeadas como “fenómeno climático adverso” para acceder a axudas, vantaxes fiscais e na Seguridade Social, préstamos a custe cero, pulo á contratación de seguros, primar sistemas anti xeadas e dar prioridade á plantación e concesión de dereitos en zonas menos expostas a estas inclemencias.
Ourense, 10 de maio de 2017.- Os gravísimos danos provocados polas xeadas nas denominacións de orixe vitivinícolas da provincia de Ourense, as perdas e os gastos adicionais que van provocar os agricultores e maila adopción de medidas de apoio os afectados, coa proposta de nove puntos de acción, son os eixos da proposición non de lei que o grupo popular no Parlamento de Galicia, por medio dos seus representantes ourensáns, ven de rexistrar para o seu debate.
Os parlamentarios Moisés Blanco, como presidente da comisión de Agricultura; José González en calidad de portavoz de medio rural do grupo popular; César Fernández, en representación do Ribeiro; e Carlos Gómez, pola zona de Monterrei, deron a coñecer esta mañá os detalles desta proposición non de lei no decurso dunha comparecencia na sede provincial do PP.
Moisés Blanco indicou que logo das reunións mantidas cos afectados nas catro denominacións de orixe e xunto cos datos da avaliación realizada pola Consellería do Medio Rural, os danos polas xeadas alcanzan o o 90 % dos viñedos en Monterrei; entre o 60 e o 70 % en Valdeorras; o 30 % no Ribeiro; e un 20 % na Ribeira Sacra. Datos xerais aínda, advertiu Blanco, xa que hai zonas en cada comarca na que os danos son totais.
Para o parlamentario ourensán, estes danos van provocar importantes gastos adicionais os viticultores, “ademais da afectación emocional e sentimental que esta situación lles provoca pola perda dunha producción á que lle dedican un enorme esforzo”.
José González, portavoz de medio rural do grupo popular no Parlamento galego, apuntou que nestes días o importante é realizar unha avaliación de danos e que os viticultores inicien os traballos de repoda e recuperación do cultivo.
De seguido, explicou que as medidas propostas baséanse en dous eixos de actuación: de tipo inmediato para facer fronte aos danos actuais e de cara ao futuro
Inmediatez
Polo que respecta á inmediatez, a proposición non de lei pide habilitar todos os mecanismos ao seu alcance para que técnicos especializados asesoren aos viticultores na repoda e recuperación dos viñedos, como está se xa a facer a través da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia.
Tamén se solicita realizar todas as actuacións precisas para que estas xeadas sexan consideradas como “fenómeno climático adverso” na terminoloxía das directrices europeas aplicables, e como paso previo á posible concesión de axudas aos produtores afectados e destinadas á reparación dos danos causados. Esta iniciativa coincide coa manifestada pola Consellería de Medio Rural cando o pasado luns anunciou a preparación dunha orde de axudas para replantación, de tal forma que os afectados que perdan viñedos poidan ter produción en vindeiros anos.
Desde o Parlamento tamén se pretende que o Ministerio de Facenda minore o rendimento resultante do método de estimación obxectiva aplicable no IRPF dos viticultores afectados nos anos 2017 y 2018. E, ademais, que a Seguridade Social estableza bonificacións ou moratorias sen intereses nos pagos a este organismo que deban de facer os viticultores afectados en 2017 e 2018.
Neste apatado compre engadir que se traballará por establecer convenios con entidades financeiras públicas ou privadas para financiar a perda de ingresos dos viticultores afectados, habilitando préstamos a custe cero e con prazos adecuados de devolución. Estas cuestións xa foron tratadas na recente entrevista mantida entre os departamento de Medio Rural da Xunta e o Ministerio de Agricultura.
Futuro
No tocante ás actuacións futuras, a proposición non de lei plantexa impulsar de maneira decidida a contratación de seguros contra xeadas e outros riscos excepcionais que afectan ás explotacións agrícolas. Ata o de agora, explicou José González, a contratación de seguros só alcanza o 20 % no viñedo e maior a parte na denominación Rías Baixas, “polo que temos que coñecer por qué hai unha taxa tan baixa na nosa provincia”, lembrando ademais a existencia dunha liña de axudas da Xunta de 4,6 millóns de euros para a incentivar a contratación de seguros agrarios.
Outra das iniciativas de futuro pide que nos plans de mellora que todos los anos elabora a Xunta de Galicia –este ano de 25 millóns de euros- se priorice a instalación de sistemas anti xeadas. Ademais, que nas axudas e concesión de dereitos de plantación se conceda prioridade ás plantacións que se realicen en zonas que pola súa altitude, orientación e ventilación estean menos expostas ás xeadas.