Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 Manuel Baltar pedirá os candidatos ás eleccións locais de 2019 que integren nas súas listas a membros de Novas Xeracións

Imprimir ppou - 24-Abril-2017 - 14:56:34 


• No balance de xestión da organización xuvenil, o presidente provincial do PP considerou superadas as expectativas da nova dirección, que tralo congreso desta fin de semana en Sevilla incorpora a dous representantes ourensáns ao comité executivo nacional e outros dous na xunta directiva.

• José Antonio Parente, presidente provincial de NN.XX., destacou o incremento nun 60 % das afiliacións, ata chegar a preto de 500 afiliados, “o que significa que coñecemos as inquedanzas da nosa mocidade”.

Ourense, 24 de abril de 2017.- “A todos os responsables locais do partido e candidatos nas eleccións locais de 2019 imos pedirlles que conten nas súas listas con representantes de Novas Xeracións”, anunciou hoxe o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, durante o balance de xestión que o presidente da organización xuvenil popular, José Antonio Parente, fixo do seu primeiro ano de mandato. Doce meses de actividade que veñen de rematar coa elección de catro mozos de Novas Xeracións de Ourense como representantes no comité executivo e na xunta directiva nacional no congreso celebrado esta fin de semana en Sevilla.

  
  
Na comparecencia desta mañá, Manuel Baltar subliñou que unha das claves para gañar nas eleccións reside “en representar nas listas a todos os sectores de poboación e este partido, a nivel provincial, sempre foi un exemplo”. No PP, engadiu, “queremos ter elixidos neste ano, con moita antelación, aos cabezas de listas das próximas municipais” e neste proceso os órganos de dirección do partido pedirán os presidentes das agrupacións locais e os candidatos que conten cos mozos de Novas Xeracións para a confección das listas municipais no 2019. “Este é un proceso de renovación –dixo- no que apostamos por harmonizar a experiencia cos máis novos, que chegan con empuxe e garra”.

Para Manuel Baltar, este primeiro ano de xestión de José Antonio Parente “ven de cumprir as máis favorables expectativas, pois queríamos dar unha velocidade máis a Novas Xeracións, cuxa achega que foi fundamental nos recentes éxitos electorais da nosa formación”. Unhas expectativas superadas, afirmou, coa presenza de dous representantes ourensáns entre os trinta membros do comité executivo nacional de Novas Xeracións.

José Antonio Parente é un dos novos membros deste comité, “toda unha distinción para o labor desenvolvido neste tempo, primeiro en Xinzo e logo a nivel provincial defendendo as ideas, os principios e convicións do partido”. O segundo é Serxio María Rodríguez, que ademais será responsable nacional de política autonómica. Aínda hai dous representantes máis na dirección nacional, Ignacio Campo e Adrián González, que formarán parte da xunta directiva.

José Antonio Parente, pola súa banda, quixo agradecer a todos os alcaldes populares e presidentes locais do partido “que sigan a facer forza para que os mozos da nosa provincia teñan voz”, o que segundo destacou reflíctese no incremento dun 60 % nas afiliacións a Novas Xeracións de Ourense, ata chegar a preto de 500 afiliados, “o que significa que coñecemos as inquedanzas da nosa mocidade”.

No seu balance de xestión, Parente lembrou as campañas solidarias desenvolvidas neste último ano, a iniciativa “Coñece a túa provincia” con visitas a empresas relacionadas cos principais sectores produtivos da provincia, o apoio a un sector estratéxico como o termalismo ou, subliñou, as actividades a prol da promoción da cultura ourensá, que terán o 16 de maio unha cita “de primeira orde coa homenaxe que imos facer ao limián Carlos Casares, para quen hai un ano reivindicamos as letras galegas”. 

Entre os principais obxectivos para os próximos meses, o presidente provincial de Novas Xeracións comprometeuse “a seguir traballando preto dos alcaldes e seguir a contar con representantes en todos os ámbitos públicos, local, provincial, autonómico e provincial, facendo campañas en positivo, con vocación polos temas máis importantes para a nosa provincia e para conseguir que os mozos ourensáns se identifiquen co noso proxecto”.

(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: