Noticias
Blog
O Partido Popular de Ribadavia presenta unha moción solicitando o traslado da feira quincenal á alameda
• A solicitude ven derivada da inseguridade pública que provoca o feito de ter cortadas parte da rúa Progreso, a rúa Virxe do Portal, parte da avenida de Redondela, parte da rúa Celso Emilio Ferreiro, a rúa San Lázaro e a rúa Eladio Rodríguez durante a feira.
• Instalacións municipais coma o asilo Nosa Señora dos Anxos ou a Casa de Cultura non contan con protocolos específicos de actuación ante emerxencias nos días de feira cando teñen os accesos bloqueados.
Ribadavia, 19 de abril de 2017.- O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia ven de presentar unha moción, para ser debatida no vindeiro pleno municipal, na que solicita ao goberno local o cambio de ubicación da feira quincenal que se celebra os días 10 e 25 de cada mes, retirándoa da rúa e concentrándoa na Alameda. Con esta proposta preténdese evitar os problemas de inseguridade pública, de resposta ante emerxencias e de tráfico que se derivan do feito de ter cortadas parte da rúa Progreso, a rúa Virxe do Portal, parte da avenida de Redondela, parte da rúa Celso Emilio Ferreiro, a rúa San Lázaro e a rúa Eladio Rodríguez durante a celebración da feira.
Cómpre sinalar que a feira que se celebra en Ribadavia os días 10 e 25 de cada mes implica o corte de varias rúas do núcleo de Ribadavia. Esta ubicación conleva que dotacións municipais como a Casa da Cultura, o asilo Nosa Señora dos Anxos, a sede da Policía Municipal ou mesmo a sede de correos queden totalmente bloqueados durante as horas que dura a feira. Esta mesma situación de illamento ou bloqueo reprodúcese en edificios privados coma é o caso do bloque de vivendas anexo á Casa da Cultura e o edificio situado na rúa Eladio Rodríguez.
Ademais, puidemos comprobar que no Concello de Ribadavia non existe un plan específico de emerxencias e evacuación para estas dotacións municipais nos días de feira, e puidemos comprobar que nin sequera existen protocolos específicos de actuación en caso de emerxencias nestes edificios durante a duración da feira. De feito, nun informe da policía local, emitido como resposta a unha solicitude que formulou o grupo municipal do Partido Popular o pasado 1 de febreiro, sinálase que as actuacións ante calquera tipo de emerxencia a día de hoxe dependen en gran medida da colaboración dos propios vendedores ambulantes que deben retirar o mais rápido posible os seus postos en caso de que fose necesaria a entrada dun vehículo de emerxencias.
O voceiro popular César Fernández, sinalou que “cando estamos a falar de seguridade pública hai que minimizar riscos establecendo protocolos claros e ben definidos de actuación ante as emerxencias, e non fiar a actuación ante unha emerxencia a circunstancias puntuais como a maior ou menor celeridade á hora de desmontar un posto de venta ambulante.”
Fernández salientou que “no caso de actuacións ante emerxencias, cada segundo pode ser fundamental para evitar un fin dramático dos acontecementos, polo que entendemos que a actual ubicación da feira quincenal non é a máis axeitada xa que implica o corte de varias rúas do núcleo de Ribadavia”
Para o voceiro popular “estes perigos poden evitarse de xeito sinxelo con un simple cambio de ubicación da feira quincenal, retirándoa das rúas para deste xeito evitar o corte das mesmas e a situación de inseguridade que se produce en dotacións municipais como o asilo nos días de feira. Por iso imos propoñer ao pleno municipal a adopción do acordo de trasladar a feira quincenal á Alameda de Ribadavia, que xa tempo atrás era a sede da feira, porque con este cambio poderíamos evitar os problemas de inseguridade pública, de resposta ante emerxencias e de tráfico que se derivan do feito de ter cortadas parte de varias rúas".