Noticias
Blog
O deputado José gonzález defende un rural multifuncional, respectuoso cos recursos naturais e orientado á produción de calidade
• O portavoz popular de Medio Rural no Parlamento ofreceu unha charla en Verín sobre o rural galego e as políticas do PP neste ámbito.
• “A mellor forma de acadar ese rural é loitar contra a despoboación e conseguir que as producións agrogandeiras e forestais xeren produtos co suficiente valor engadido para beneficiar a tódolos partícipes no proceso de produción”, dixo
Ourense, 28 de marzo de 2017.- O portavoz do Medio Rural do grupo popular no Parlamento, o deputado ourensán José González Vázquez, defendeu esta tarde en Verín “un rural multifuncional, respectuoso cos recursos naturais e paisaxísticos, vivo e dinámico e orientado á produción agroalimentaria de calidade”. “A mellor forma de acadar ese rural é loitar contra a despoboación e conseguir que as producións agrogandeiras e forestais xeren produtos co suficiente valor engadido para beneficiar a tódolos partícipes no proceso de produción”, apuntou.
José González explicou que “para acadar unha produción agroalimentaria de calidade é necesario apoio ás variedades e razas autóctonas; impulso da comercialización da produción de calidade; conseguir empresas máis fortes; e mobilización de terra produtiva”.
“O primeiro que temos que ter claro é que os agricultores e gandeiros, calquera que sexa o seu tamaño, son empresarios do rural e deben de ser tratados como tales”, manifestou o portavoz popular, quen engadiu que ao mesmo tempo “teñen que asumir a necesidade de que as súas empresas obteñan unha rendibilidade económica”.
González Vázquez indicou que “o autóctono é a base da diferenciación e singularidade dos nosos produtos” e salientou que o apoio da Xunta á reconversión varietal dos viñedos galegos con máis de 60 millóns de euros nos últimos dez anos “deu como resultado que na vendima do pasado ano máis do 90 por cento das uvas eran de variedades autóctonas”.
Así mesmo, José González defendeu o apoio á comercialización “baseándose de xeito fundamental nas denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas”, para o que a Consellería de Medio Rural destinará este ano 3,5 millóns de euros.
Na súa intervención, lamentou “o escaso tamaño das empresas que integran a industria agroalimentaria galega”, polo que considerou necesario “potenciar o tecido empresarial do noso rural, favorecendo a creación de empresas de máis tamaño que sexan capaces de competir nun mercado global”.
Outra das cuestións que lamentou José González foi a falta de base territorial das explotacións galegas. “Existen máis de 80.000 explotacións en Galicia, con escasa dimensión, o que dificulta o acceso a economías de escala e reduce a capacidade de negociación na comercialización”, indicou.
A Xunta de Galicia está a traballar na mobilización de terra produtiva a través do arranxo de camiños municipais, o remate de 130 concentracións parcelarias na presente lexislatura, o programa de impostos cero no rural ou o incremento da base territorial das explotacións a través dunha unidade de asesoramento e xestión de explotacións agrarias.
Para rematar, o portavoz popular incidiu na necesaria instalación de mozos no rural que garantan a remuda xeracional, con investimentos en explotacións agrícolas que melloren a súa competitividade e as axudas a pequenas explotacións.