Noticias
Blog
Moisés Blanco traslada ao conselleiro de Sanidade as demandas existentes nesta materia na comarca de Valdeorras
• O deputado ourensán demandou que se continúen mellorando os servizos como as infraestruturas hospitalarias e nos centros de saúde.
• Vázquez Almuíña avanzou que se impulsará a asistencia ao paciente crónico e un modelo de atención primaria máis proactivo
Santiago, 28 de marzo de 2017.- O deputado do Grupo Popular Moisés Blanco reuniuse co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, para trasladarlle as demandas que esta materia sanitaria existen na comarca de Valdeorras. En concreto, Blanco demandou que se continúe mellorando tanto os servizos que se prestan como as infraestruturas existentes, mentres que o conselleiro avanzou que se impulsará a asistencia ao paciente crónico e un modelo de atención primaria máis proactivo.
Segundo os datos facilitados polo conselleiro de Sanidade, todos os ratios de asistencia sanitaria están dentro das marxes recomendadas, e nalgúns casos por baixo destas marxes, polo que pódese considerar que as necesidades de atención sanitaria están correctamente cubertas e que os recursos están xestionados de forma adecuada e eficiente.
En concreto, na área sanitaria de Valdeorras, o servizo de O Barco é o que conta cunha maior ratio de tarxetas sanitarias por facultativo (1.313), seguido por Trives (798); Viana (796); Larouco, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras e A Rúa (760); e A Veiga e O Bolo (744).
Respecto da poboación pediátrica, existen tres facultativos cunha media de 921 tarxetas sanitarias; mentres que os 23 profesionais de enfermería atenden unha media de 1.132 pacientes.
A urxencia extrahospitalaria é atendida en tres PACs: Viana, cunha media de atencións diarias de 9,25 pacientes por facultativo e día; Trives, con 9,50 pacientes por facultativo e día; e O Barco, con 22 pacientes por facultativo e día.
No que respecta ás infraestruturas sanitarias, Blanco salientou as melloras realizadas nos últimos anos, sobre todo no Hospital de Valdeorras coa dotación dunha torre de endoscopia cirúrxica, un mamógrafo dixital, un novo TAC ou a dixitalización da sala de radioloxía. Neste sentido, o conselleiro comprometeuse a seguir traballando para prestar cada vez mellores servizos e de forma máis accesible aos pacientes, tendo presente que neste momento os recursos están dimensionados respecto das necesidades existentes.
Moisés Blanco afirmou que estes datos “desmenten as constantes afirmacións de quen unha e outra vez aseguran que o Hospital Comarcal de Valdeorras se desmantela, se vai a pechar e perde servizos, alarmando innecesariamente a poboación". Porén, indicou que “sempre queda marxe de mellora, e para elo seguiremos traballando pero sen catastrofismos, e atendendo de xeito responsable as necesidades reais".
O conselleiro de Sanidade tamén avanzou no encontro co deputado popular que no futuro traballarase en mellorar a asistencia ao paciente crónico, incidindo na integración efectiva e real dos servizos sociais e sanitario-asistenciais cun modelo que debe partir desde os niveis máis próximos á cidadanía: os centros de saúde.
Ademais, a Consellería avanzará cara un modelo de atención primaria máis proactivo, no que o profesional dispoña das ferramentas necesarias para monitorizar a cada paciente crónico desde o seu domicilio. “Trátase dunha atención sanitaria máis próxima ao cidadán, que sexa capaz de resolver unha gran porcentaxe das patoloxías máis frecuentes”, lembrou Moisés Blanco.