Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 O PP proporá ao pleno da Deputación estudar a viabilidade dunha taxa pola ocupación do dominio público por parte de empresas eléctricas e de gas

Imprimir ppou - 07-Marzo-2017 - 10:00:53 


• O grupo provincial popular presentará unha segunda moción na que se insta ao partidos con representación no Congreso a que aproben canto antes os orzamentos xerais do Estado, así como alcanzar un acordo para lograr a reforma do financiamento local.

Ourense, 7 de marzo de 2017.- A proposta dun estudo de implantación dunha taxa pola ocupación de dominio público local ás empresas eléctricas e de gas, así como a necesidade de aprobar canto antes os orzamentos xerais do Estado para facilitar a xestión dos concellos, son os eixos de senllas mocións que o grupo provincial do PP ven de presentar para o seu debate no pleno de marzo da Deputación. O portavoz popular, Plácido Álvarez, e a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Monserrat Lama, foron os encargados de dar a coñecer esta mañá en rolda de prensa os detalles de ambas as dúas propostas.

  
  
A primeira das mocións, explicou Plácido Álvarez, ten por obxectivo propoñer un estudo de viabilidade para a implantación dunha taxa por ocupación do dominio público local ás liñas de transporte eléctrico, oleoductos e viaductos. Álvarez referiuse ás sentenzas ditadas a finais de 2016 polo Tribunal Supremo, nas que veñen a dar a razón aos concellos que gravan ás empresas eléctricas e de gas pola utilización do dominio público. Na actualidade, indicou, xa se está a pagar esta taxa no chan urbano que equivale ao 1,5 % do que factura anualmente a compañía subministradora nese municipio. “Agora, as citadas sentenzas permiten estender a súa aplicación á totalidade do dominio público local, polo que se está incluíndo o chan rústico”.

Plácido Álvarez, non obstante, pediu que non haxa precipitación na aplicación desta taxa, recollendo as chamadas á prudencia da propia Fegamp e sobre todo o estudo individual de cada concello. Por unha banda, apuntou, “no territorio ourensán e no galego en xeral as liñas eléctricas ou doutro tipo apenas afectan a terreros públicos”.

Pero ademais “córrese o risco de que as empresas establezan un suplemento territorial, ao que fai referencia a Lei do Sector Eléctrico, e que será abonado polos consumidores nas súas facturas”. 

Por todo isto e tendo en conta ás decisións xudiciais e ao labor que a Deputación realiza en defensa e apoio dos municipios, subliñou, “entendemos que compre prestar a colaboración necesaria aos concellos para estudar a repercusión que poda ter, de existir, a ocupación de dominio público por parte das citadas empresas e, de se dar o caso, a posible implantación desta taxa”.

Orzamentos xerais do Estado
Pola súa banda, Monserrat Lama detallou a segunda das mocións que o PP presentará ao pleno de marzo e que, segundo explicou, ten por obxectivo solicitar dos partidos políticos con representación no Congreso que alcancen os acordos necesarios para aprobar a Lei de Orzamentos do Estado do 2017, “así como impulsar un amplo acordo para lograr a reforma do financiamento local que cumpra coas expectativas dos gobernos locais reclamadas ao longo do tempo”.

A deputada explicou que “grazas ás normas e medidas aprobadas en favor das corporacións locais polo Goberno do PP, máis do 90 % dos concellos teñen superávit e a inmensa maioría cumpren cos seus obxectivos de déficit e as súas obrigas de pagamento”. Unha eficacia e eficiencia na xestión pública que, dixo, ten que ser correspondida con decisións e medidas “que permitan reinvestir ese superávit con maior flexibilidade para poder seguir prestando e mantendo os servizos públicos locais, aumentando a súa calidade e, en definitiva, favorecendo a creación de emprego”, engadiu Monserrat Lama.

Na mesma moción, destacou a deputada popular, o PP refírese ao novo sistema de financiamento local que está en estudo e que “deberá aportar máis recursos ás facendas locais para que os concellos podan desenvolver axeitadamente as súas competencias”. Pero todo isto, adviertiu Lama, está en risco de retroceso se non se aproban os orzamentos xerais do Estado, sendo os cidadáns “os principais prexudicados e, dentro deles os máis desfavorecidos ao ser os máis directamente beneficiados polas políticas locais”.

Así, o grupo provincial do PP instará ás forzas políticas representadas no Congreso a se entender, negociar e pactar, xa que sen orzamentos “non se pode investir o superávit municipal e se está a dificultar a xestión do Fondo de Financiamento”, concluíu a deputada.


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: