Noticias
Blog
A deputada Ana Vázquez consegue no Congreso o apoio unánime á declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade
• A Comisión de Cultura acordou instar ao Goberno e á Xunta de Galicia a que defendan a candidatura nas instancias internacionais.
• O ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo, tamén amosou o seu expreso apoio á declaración.
Ourense, 21 de decembro de 2016.- A Comisión de Cultura do Congreso aprobou esta tarde por unanimidade o texto presentado pola deputada ourensá, Ana Belén Vázquez, no que solicitaba o apoio á declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, apoio amosado expresamente tamén polo ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo.
Na súa proposta, Ana Belén Vázquez pedía instar ao Goberno de España e maila Xunta de Galicia “a apoiar e defender nas instancias internacionais oportunas a candidatura”, formalizada polas deputacións de Ourense e Lugo e o Consorcio Turístico da Ribeira Sacra en decembro de 2013.
Un paso moi importante, sinalou a deputada ourensá, “polo que supón un novo impulso a unha iniciativa que procura o recoñecemento e protección deste territorio polo seu valor cultural, histórico e natural”.
Vázquez lembrou que a Ribeira Sacra parte dunha situación singular, xa está incluída polo Estado na lista indicativa do patrimonio mundial, e así tamén está recoñecida pola UNESCO. Aínda que esta situación non supón recoñecemento ningún dos seus valores, explicou, “constitúe unha certa vantaxe fronte a outras propostas que aínda deberían conseguir a súa inclusión nesta lista indicativa.
A deputada incidiu nos importantes beneficios que conlevaría esta declaración, “non só na conservación dos seus valores xeográficos e históricos, senón tamén para aumentar a calidade de vida dos habitantes desta zona pertencente ás provincias de Ourense e Lugo, polo que supón de dinamización e respaldo socioeconómico que xera esta distinción”.