Noticias
Blog
O Partido Popular de Ribadavia presenta unha batería de propostas para a súa inclusión no orzamento municipal 2017
• O documento presentado no rexistro municipal recolle sete propostas orzamentarias para acometer obras e implantar servizos que melloren a calidade de vida da veciñanza de Ribadavia.
• No documento inclúense entre outras propostas o abastecemento de A Grova-As Chabolas, a mellora da rede de abastecemento de San Cristovo, ou a creación dun servizo de atención temperá para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.
Ribadavia, 11 de novembro de 2016.- O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia ven de presentar no rexistro municipal un documento no que se propoñen diferentes actuacións, necesarias para a veciñanza, que deben incluírse no orzamento 2017 do concello de Ribadavia para seren executadas ao longo do vindeiro exercizo económico.
Con este documento, o grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia, achega sete propostas para o orzamento que van encamiñadas á relaización de diferentes obras, pero tamén á creación de novos servizos coma é o caso dun servizo de atención temperá para permitir a moitas nais e pais na conciliación da súa vida laboral e familiar.
As sete propostas presentadas son as seguintes:
• Partida orzamentaria para acometer a obra de extensión da rede municipal de abastecemento de auga e saneamento ás localidades de As Chabolas, A Groba e Sanín. Esta partida deberá estar dotada dunha cantidade económica equivalente ao 20% do custo total da obra que figura no proxecto redactado para acometer a mesma, complementando o 80% restante a través de cofinanciamento doutras administracións.
• Partida orzamentaria para acometer a obra de reforma da rede de abastecemento e saneamento de San Cristovo. Esta partida deberá estar dotada dunha cantidade económica equivalente ao 20% do custo total da obra que figura no proxecto redactado para acometer a mesma, complementando o 80% restante a través de cofinanciamento doutras administracións.
• Partida orzamentaria para acometer unha obra de humanización e mellora das beirarrúas da rúa Muñoz Calero. Esta partida deberá estar dotada dunha cantidade económica equivalente ao 60% do custo total da obra, xa que estamos a falar dunha vía de titularidade municipal, complementando o 40% restante a través de cofinanciamento doutras administracións.
• Recuperación da partida orzamentaria de 60.000 euros, destinada á mellora de infraestruturas no medio rural, proposta polo grupo municipal do Partido Popular no orzamemto de 2014 e que foi retirada por este goberno.
• Partida orzamentaria suficientemente dotada para acadar a extensión permanente, e non dependente de subvencións puntuais doutras administracións, do servizo de limpeza viaria ao medio rural do Concello de Ribadavia.
• Partida orzamentaria dotada con 21.780€ para a creación dun servizo de atención temperá para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar da veciñanza de Ribadavia que debe poñerse en marcha ao longo do mes de xaneiro de 2017.
• Partida orzamentaria para acometer a obra de reforma, humanización e acondicionamento da praza de “As Banquetas”, unha actuación aprobada por unanimidade no Pleno municipal celebrado o 31 de marzo de 2016. Esta partida deberá estar dotada dunha cantidade económica equivalente ao 60% do custo total da obra, que viría a complementar o 40% restante que se debería cubrir a través de cofinanciamento doutras administracións.
O voceiro popular, César Fernández, sinalou que “presentamos este documento de propostas porque, a día de hoxe, non fomos chamados polo goberno municipal para reunirnos e achegar propostas para o orzamento 2017”. Fernández salientou que “non entendemos como o alcalde de Ribadavia que goberna en minoría absoluta, non quere sentarse co principal grupo da oposición para escoitar as súas propostas de cara á elaboración do orzamento, cando xa anunciou que ten intención de presentar o orzamento ao pleno do mes de novembro”.
César Fernández afirmou que “este feito de non ter chamado ao principal grupo da oposición para negociar o orzamento, amosa a nula vontade de diálogo do goberno municipal e do alcalde de Ribadavia, xa que pretenden aprobar un orzamento o día 24 sen ter presentado o seu borrador á oposición a día 11 de novembro.” Fernández salientou que “dende o grupo municipal do Partido Popular seguiremos a achegar propostas para mellorar a calidade de vida da veciñanza aínda que o goberno de Ribadavia e o seu alcalde non queiran escoitalas nin atendelas”.