Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 O grupo provincial popular presenta un decálogo de propostas para o pleno extraordinario do debate sobre o estado da provincia

Imprimir ppou - 10-Novembro-2016 - 10:34:25 



• Para o vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, o documento recolle aspectos estratéxicos para o futuro desta provincia, “pero que tamén abranguen unha completa representación de todas as actividades que desenvolve a institución provincial”.

• As propostas van dende a creación dunha Zona Franca de Ourense ata unha feira anual con todas as denominación de orixe de viño da provincia ou unha especial atención á figura de Carlos Casares, a quen estará adicado o Día das Letras Galegas 2017.


Ourense, 10 de novembro de 2016.- Dinamización económica, emprego e emprendemento, medio rural, termalismo, viticultura, cooperación cos concellos, cultura e patrimonio e igualdade son os ámbitos aos que se refiren as dez propostas de resolución que o grupo provincial popular presentará no pleno extraordinario do debate sobre o estado da provincia, que a Deputación de Ourense celebrará o próximo mércores, día 16.

Un decálogo que “recolle aspectos estratéxicos para o futuro desta provincia, pero que tamén abranguen unha completa representación de todas as actividades que desenvolve a institución provincial”, dixo o vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, que na presentación do documento estivo acompañado polos deputados Pablo Pérez, Plácido Álvarez e Ana Villarino.

Rosendo Fernández, que apuntou que o PP era o primeiro partido en presentar as súas propostas, destacou as proposicións referidas á viticultura, “coa celebración dunha feria-exposición anual na que estarían presentes todas as denominacións de orixe da provincia”, e o termalismo, “ámbito no que se quere impulsar un completo sistema de información sobre as propiedades terapéuticas das augas mineromedicinais, en concordancia coa aposta polo turismo de saúde”, explicou.

A dinamización económica “é unha cuestión básica para o futuro de Ourense que non pode quedar fora, baixo ningún concepto, deste documento de propostas”, apuntou o deputado popular ao referirse á liña de actuación que avoga por promover a creación dunha Zona Franca para Ourense, que se concentraría no polo industrial existente en torno ao polígono de San Cibrao e a Tecnópole. Tamén no ámbito económico se recolle a colaboración activa co Viveiro de Empresas e as Antenas Locais de Verín e O Barco que xestiona a Cámara de Comercio, co fin de potenciar o emprendemento e axudar á creación de emprego.

“O medio rural é unha das principais bazas coas que contamos na provincia á hora de falar de oportunidades e potencial, e por iso imos propoñer unha liña de actuación específica para os montes veciñais en man común”, apuntou Rosendo Fernández, explicando que se trata de ofrecer asesoramento para a constitución e xestión destas entidades, con especial atención á posta en marcha de proxectos que xeren riqueza e emprego no rural.

Como institución provincial, “a cooperación cos concellos é a pedra angular da Deputación”, sinalou Fernández á hora de se referir as proposicións dunha asistencia específica para elaboar relacións de postos de traballo por parte das entidades locais, así como tamén inventarios de bens municipais. A este punto se suma o pulo á calidade dos servizos públicos con enquisas de avaliación que permitan afondar na transparencia da xestión e na permanente mellora”.

No ámbito da cultura, o grupo provincial popular entende que a celebración do Día das Letras Galegas 2017, que estará adicado a Carlos Casares, é merecente dunha programación especial para poñer en valor a figura e a obra do escritor limián, que mesmo podería incluír un premio co seu nome. “Unha ocasión moi especial para reivindicar a Ourense como terra de escritores e intelectuais esenciais na historia de Galicia”, dixo Rosendo Fernández. O complemento neste capítulo chega da man da proposta de constitución dunha comisión provincial de patrimonio, que se encargaría de estudar medidas de rehabilitación, conservación e difusión.

Por último, o decálogo de propostas inclúe a redacción dun plan de igualdade para a Deputación.


PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN

1.- LIÑA DE ACTUACIÓN: SECTOR VITIVINÍCOLA
“Poñer en marcha, en colaboración cos consellos reguladores das denominacións de orixe Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra, unha feira/exposición anual do viño da nosa provincia”.

2.- LIÑA DE ACTUACIÓN: COOPERACIÓN COS CONCELLOS
 “Prestar asistencia específica ás entidades locais da nosa provincia na elaboración das relacións de postos de traballo e no inventario de bens municipais”.

3.- LIÑA DE ACTUACIÓN: CALIDADE DOS SERVIZOS PÚBLICOS LOCAIS
“Avaliar mediante as enquisas correspondentes os servizos públicos prestados polos entes locais da provincia de Ourense, afondando na transparencia da xestión e na mellora permanente”.

4.- LIÑA DE ACTUACIÓN: ECONOMÍA, EMPREGO E EMPRENDEMENTO
“Colaborar activamente coa Cámara de Comercio e Industria de Ourense para potenciar o papel do Viveiro de Empresas co que conta na Tecnópole e as Antenas Locais de Verín e do Barco de Valdeorras”.

5.- LIÑA DE ACTUACIÓN: TERMALISMO
“Establecer, tendo en conta as recomendacións dos colexios profesionais da saúde, un sistema integral de información terapéutica das principais augas mineromedicinais da provincia”.

6.- LIÑA DE ACTUACIÓN: IGUALDADE
“Elaborar, tendo en conta os postulados e a filosofía do Código Ético e de Conduta, un Plan de Igualdade propio da Deputación de Ourense”.

7.- LIÑA DE ACTUACIÓN: CULTURA E PATRIMONIO
“Constituír unha comisión provincial do patrimonio cultural que estudie e se pronuncie respecto da súa rehabilitación, conservación e difusión, propoñendo as medidas que estime oportunas ante as administracións públicas e entidades correspondentes”.

8.- LIÑA DE ACTUACIÓN: MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN
“Axudar e asesorar ás comunidades  propietarias de montes veciñais en man común para a legalización da súa xestión no correspondente a estatutos, elección de xuntas reitoras e consulta das axudas públicas e posta en marcha de proxectos que xeren riqueza e emprego no rural”.

9.- LIÑA DE ACTUACIÓN: DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2017
“Desenvolver durante o ano 2017, tendo en conta que o Día das Letras Galegas adicarase a Carlos Casares, referente literario provincial, actos e manifestacións en lembranza da súa figura e da súa obra, de común acordo coa Fundación Carlos Casares, estudando a posibilidade de instaurar un premio cultural que leve o seu nome”.

10.- LIÑA DE ACTUACIÓN: SOLO EMPRESARIAL E DINAMIZACIÓN ECONÓMICA
“Estudiar, con outras administracións públicas, a posibilidade de promover a constitución da Zona Franca de Ourense, tendo en conta o solo industrial-comercial que se concentra na área onde se atopan o Polígono de San Cibrao das Viñas, a Tecnópole, o Polígono de Barreiros, a Cidade do Transporte e os parques empresariais de Pereiro de Aguiar, de Paderne de Allariz e de Taboadela (8.650.000 metros cuadrados) gañando en capacidade autónoma e decisoria empresarial e en competitividade”.



(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: