Noticias
Blog
A Xunta electoral abre un novo expediente sancionador a Ignacio Gómez por vulnerar a lei electoral
• O Partido Popular entende que é inadmisible que o alcalde de Ribadavia “estea a vulnerar de xeito reincidente unha norma de obrigado cumprimento para todo cargo público, e con máis gravidade no caso dun alcalde que debe respectar a vontade de todos os seus veciños, pensen como pensen políticamente”.
Ourense, 28 de setembro de 2016.- A Xunta Electoral acordou hoxe incoar un expediente sancionaor ao alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, por vulnerar a lei electoral, logo da denuncia presentada o pasado día 23 polo Partido Popular de Ourense, ao considerar que o rexedor estivo a usar medios públicos (páxina web municipal e redes sociais) para facer declaracións de carácter electoralista en pleno proceso para os comicios autonómicos.
De se confirmar o expediente, Ignacio Gómez tería que facer fronte “a unha pena de multa de 300 a 3.000 euros ao gozar o presunto responsable da condición de autoridade”, segundo indica a resolución.
O Partido Popular entende que é inadmisible que o alcalde de Ribadavia “estea a vulnerar de xeito reincidente unha norma de obrigado cumprimento para todo cargo público, e con máis gravidade no caso dun alcalde que debe respectar a vontade de todos os seus veciños, pensen como pensen políticamente”.
Unha reiteración, lembra o PP, que xa ten como precedente unha sanción da Xunta Electoral por presentar proxectos “inducindo de forma mediata a través dos medios de comunicación o sentido do voto dos electores”, feitos que aconteceron nas pasadas eleccións de xuño, así como seguir a facer campaña electoral en setembro cando todos os partidos acordaran a suspensión de calquera actividade logo do accidente do Porriño.
O caso que motivou este novo expediente sancionador fai referencia á publicación o pasado 31 de agosto por parte do Concello de Ribadavia e na súa páxina web da convocatoria de axudas para material, convocatoria que segjundo a denuncia do PP emprega “para fins electoralistas ou de exaltación da xestión do goberno municipal”.
Así, na páxina web podíanse ler frases como “para que non se produzan inxustizas a causa da crise económica que estamos a pasar (...) o Concello de Ribadavia está a facer un esforzo utilizando recursos propios”, ademais de “… estamos contribuíndo así a amortiguar e minorar o efecto dos recortes en educación doutras administracións”.