Noticias
Blog
Manuel Baltar defende o proxecto de futuro do PP “baseado en feitos, e Ourense é o mellor exemplo do traballo”
• Os populares ourensáns celebraron o seu mitin central en Ourense, nunha xornada na que o presidente provincial visitou Valdeorras e na cidade estivo o vicesecretario de comunicación, Pablo Casado
• Na súa intervención en Expourense avalou as súas verbas repasando os proxectos postos en marcha na provincia pola Xunta, “que ninguén pode negar”.
• Marisol Díaz pediu un último esforzo nestes días que restan de campaña “e se conseguimos o apoio suficiente, todos os galegos saberemos dende o minuto un que goberno imos ter. Ninguén máis pode dicilo, tan alto, tan claro e tan certero”.
Ourense, 21 de setembro de 2016.- Nun Expourense abarrotado, militantes e simpatizantes do Partido Popular arrouparon esta tarde coa súa presenza aos candidatos populares pola provincia, ao presidente provincial, Manuel Baltar, e ao presidente do PPdeG e candidato á Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no mitin central celebrado pola formación popular na provincia. Unha cita na que Manuel Baltar afirmou con toda a rotundidade que “o PP ten un proxecto de futuro baseado en feitos e Ourense é o mellor exemplo do traballo realizado”.
O presidente provincial avalou as súas verbas con realidades “que ninguén pode negar”, subliñando o salto cualitativo que para os ourensáns suporá, en materia de asistencia sanitaria, o novo hospital de Ourense e o centro de saúde de O Couto, a mellora das comunicación que implicou a construción de novas vías de altas prestacións como a autovía de Celanova, o compromiso coa conservación do patrimonio coas obras de restauración da ponte romana ou o novo edificio xudicial de Ourense, sen esquecer as melloras que se realizaron en todos os edificios xudicias da provincia.
Aínda citou Manuel Baltar a ampliación, reforma e mellora de 89 centros educativos ou a atención á conciliación, coas próximas casas niño que se abrirán na provincia, “17 de 30 en toda Galicia”, con referencias ao incremento das horas de dependencia para chegar ao 100 % dos dependentes.
Pero como exemplo de coordinación e cooperación, Manuel Baltar puxo énfase “na aposta que dende a Deputación estamos a facer polo deporte de elite, que agora o goberno de Alberto Núñez Feijóo vai completar cunha pista de atletismo neste mesmo espazo nos que nos encontramos”, en referencia ao recinto feiral.
GOBERNO DENDE O PRIMEIRO MINUTO
Trala benvida do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a cabeza de lista da candidatura pola provincia, Marisol Díaz, afirmou que tiña unha primeira tarefa que cumprir: “pediros a vosa confianza, o voso voto para un partido solvente, cun proxecto serio, sólido, coherente, co aval da xestión, que só ofrece o Partido Popular con Feijóo ao frente”.
Marisol Díaz advertiu que Galicia e Ourense xogánse o futuro nas eleccións do domingo, “e se conseguimos o apoio suficiente, todos os galegos saberemos dende o minuto un que goberno imos ter. Ninguén máis pode dicilo, tan alto, tan claro e tan certero”.
Lonxe da Galicia do sufrimento, dos recortes e da emerxencia da que falan os outros partidos, dixo a candidata, “eu prefiro ser construtiva, loitar por un futuro mellor, por unha provincia na que creo, por unha Galicia de progreso, onde as familias importan, onde imos dar pulo á conciliación, axudar ás familias que queren ter fillos, a formar mellor á mocidade, a crear emprego, a dinamizar o noso rural e a devolverlle aos ourensáns e aos galegos o esforzo realizado durante a crise con menos impostos.
VISITA A VALDEORRAS
Manuel Baltar tamén estivo hoxe na Rúa, onde visitou a vila acompañado do presidente da xunta local, Avelino García. O presidente provincial quixo así estar en Valdeorras para explicar o proxecto popular. Unha comarca onde o PP tiña previsto celebrar dous mitines no primeiro día de campaña pero que foron suspendidos en sinal de dó polo accidente ferroviario do Porriño e no que faleceron catro persoas.