Noticias
Blog
Pablo Pérez: “Noela Blanco non repara en amosar a súa incompetencia política e pon en evidencia unha total ignorancia”
• “A convocatoria que ven de denunciar con tanta seguridade non é outra cousa que promoción interna”, resposta o secretario de organización dos populares ourensáns.
• A candidata socialista, afirma “está obsesionada con acabar co PP pola vía da máis rancia política, como cando atopou traballo na consellería que dirixía Pachi Vázquez, o seu mentor e do que agora é quen de renegar pola súa desmedida ambición política”
Ourense, 21 de setembro de 2016.- “O verdadeiro descaro que estamos a ver nestes días é o do PsdeG-PSOE e o da súa candidata, Noela Blanco, en particular esta última, que non repara en amosar a súa incompetencia política ao verter acusacións que poñen en evidencia a súa máxima ignorancia”, manifestou o secretario de organización do Partido Popular de Ourense, Pablo Pérez, en resposta ás críticas socialistas pola convocatoria laboral feita dende a Deputación.
Pablo Pérez, con toda a contundencia, dirixiuse a Noela Blanco para advertirlle que antes de verter ningunha acusación “aprenda a ler e comprender o que le, xa que a convocatoria que ven de denunciar con tanta seguridade non é outra cousa que promoción interna, coa que o goberno provincial cumpre o seu compromiso de impulso ao desenvolvemento persoal dos empregados públicos da Deputación".
A candidata socialista, que descoñece totalmente do que está a falar, “está obsesionada con acabar co PP pola vía da máis rancia política”, destacou Pérez, para quen “é máis que posible que crea estar ante un escenario como o que coñeceu cando atopou traballo na consellería que entón dirixía Pachi Vázquez, o seu mentor e do que agora é quen de renegar pola súa desmedida ambición política, seguro que observando os principios de mérito, publicidade e libre concorrencia que leva defendendo hai 40 anos o seu pai, Etelvino Blanco”.
Por iso quizás, sinala o secretario de organización do PP, “Noela Blanco confunde por incompetencia en formas, argumentos e tono a actividade sindical co exercicio da política, amosando que non ten nin idea”.
Pablo Pérez convida á candidata socialista a vixiar canto queira a convocatoria de promoción interna da Deputación “e de paso aprender algo máis ca unha inútil lista de argumentos cos que facer crítica burda e denuncias incongruentes”.
“Blanco e o PSdeG-PSOE pretenden converter unhas eleccións autonómicas nun xuízo público, zafio e intolerable a unha administración pública, ao seu presidente e ao equipo de goberno, que non imos permitir baixo ningún concepto”, engadiu Pérez, para quen semella “que está a utilizar as mesmas mañas que o seu compañeiro Ignacio Gómez”.
Nesta liña afirmou que a Deputación non vai quedar paralizada, “que de seguro tamén o pretenden”, por un proceso electoral, “por iso nada máis acabar estes comicios se presentarán no pleno ordinario de setembro os presupostos para 2017, a primeira administración pública de España en facelo, e iso irrita moito entre os incompetentes da xestión política”.