Noticias
Blog
“Só o PP pode presentar un balance de xestión e un proxecto construtivo, lonxe da crítica sen alternativas”, afirma Manuel Baltar
• A axenda electoral do PP incluíu hoxe mítines en Viana do Bolo, A Gudiña e no barrio ourensán da Cuña
• O presidente provincial defendeu que os populares asumiron a súa responsabilidade e administraron “con sentido de país os poucos cartos que nos deixou o bipartito”.
• Marisol Díaz sinalou que “nunha sociedade como a actual, a conciliación tórnase esencial para aumentar a natalidade e o PP non aforrará esforzos”.
Ourense, 20 de setembro de 2016.- Na recta final da campaña para as eleccións autonómicas, o presidente provincial do Partido Popular, Manuel Baltar, afirmou hoxe que “só o PP pode presentar un balance de xestión, froito do esforzo colectivo dos galegos e, por suposto, dos ourensáns”, reivindicando un proxecto construtivo “como o que propón Alberto Núñez Feijóo, lonxe das críticas demagóxicas e sen alternativas”.
Manuel Baltar fixo estas declaracións nos mítines de Viana do Bolo e da Gudiña, onde defendeu unha política baseada nos feitos “que está a dar os seus resultados, porque mentres o bipartito nos deixou unha Galicia quebrada, o goberno de PP foi quen de asumir a súa responsabilidade e administrar con sentido de país os poucos cartos que nos deixaron”.
O presidente provincial lamentou que as outras forzas políticas que concorren a estas eleccións só centren as súas propostas en botar da Xunta ao PP e Núñez Feijóo, “o que demostra que non lles interesa Galicia nin Ourense, reducindo o noso futuro a unha cuestión partidaria na que só teñen un interés: un pretendido reparto do poder que acabará no caos”.
Os populares, engadiu, “somos os únicos que podemos garantir o cumprimento dun programa baseado na experiencia, na estabilidade e maila responsabilidade, por iso baixamos os impostos, blindamos os servizos sociais ou puxemos no primeiro lugar ás familias”.
IMPULSO DEMOGRÁFICO
“Galicia precisa dunha lei que facilite o impulso demográfico, por iso na próxima lexislatura queremos chegar a un gran pacto político e social nesta materia”, sinalou entre tanto a cabeza de lista popular pola provincia, Marisol Díaz.
Ourense, dixo, é unha das provincias máis afectada polo envellecemento da poboación, polo que se beneficiará das medidas incluídas no programa do PP para axudar aos ourensáns que desexen ter fillos.
Así citou o programa de casas niño no rural, o bono concilia para que todos os nenos de cero a tres anos teñan praza nunha escola infantil ou o apoio ás familias numerosas, sen deixar de lembrar outras iniciativas xa en marcha como, por exemplo, a tarxeta benvida, dotada con cen euros mensuais de axuda ás familias que teñen un neno, que ao mesmo tempo tamén teñen acceso a deduccións fiscais. “Nunha sociedade como a actual, a conciliación tórnase esencial para aumentar a natalidade e o PP non aforrará esforzos”, concluíu a candidata.
Ademais da carpa instalada na rúa do Paseo da capital, a actividade electoral na cidade completouse nesta xornada cun mitin no barrio da Cuña, no que participaron o candidato Miguel Santalices, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, o alcalde, Jesús Vázquez, e o presidente de distrito, Jorge Pumar.