Noticias
Blog
Manuel Baltar afirma que os ourensáns están a dicir o que desexan pero advirte “que non hai nada gañado e cada voto será decisivo”
• Os populares achegáronse hoxe ata Xunqueira de Ambía, A Saleta, O Barco, Lobeira e Ourense, cun encontro na CEO e un mitin no barrio dos Montes
• En Lobeira, o presidente provincial pediu o apoio para conseguir un goberno estable “no que se fala pouco e se fai moito, xerando actividade económica, emprego, mellorando a sanidade, como co novo hospital de Ourense, ou apoiando ás familias, os cativos, mozos e maiores”.
• José González, número tres da lista, detallou os incentivos fiscais do programa popular, que defendeu “como froito dunha administración responsable”.
Ourense, 19 de setembro de 2016.- O presidente provincial do Partido Popular, Manuel Baltar, advertiu hoxe que “non hai nada gañado, non hai unha soa papeleta nas urnas, por iso o voto de cada un de vos será decisivo o próximo domingo”. En Lobeira, onde os populares ourensáns celebraron un mitin, Manuel Baltar fixo unha chamada aos votantes do PP para que non se deixen levar polas enquisas, “que só recollen o que a maioría dos ourensáns prefiren para a súa provincia e para Galicia, pero iso non abonda”.
Acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o presidente provincial pediu o voto para conseguir que Alberto Núñez Feijóo poda formar un goberno estable, “no que se fala pouco e se fai moito, xerando actividade económica e confianza para atraer investimentos e xerar emprego, apoiando aos autónomos, mellorando sen descanso a nosa sanidade, como co novo hospital de Ourense, ou apoiando ás familias, os cativos, mozos e maiores”.
No mitin de Lobeira participou o número tres da lista por Ourense, José González, que defendeu a política de rebaixas fiscais e de impostos de Alberto Núñez Feijóo “como froito dunha administración responsable”. Así citou algúns exemplos de incentivos recollidos no programa popular como os impostos cero para mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade que adquiran unha vivenda habitual nun municipio de menos de 20.000 habitantes, “é dicir, na nosa provincia todos menos a capital”.
Esto supón, engadiu, apostar polo rural, “ao que imos dirixir as medidas máis ambiciosas, como o plan de cero impostos para calquera que queira emprender no rural, cero impostos para os mozos que queiran vivir no rural e cero impostos para mobilizar a terra”.
A xornada electoral dos populares ourensáns comezou en Xunqueira de Ambía, onde o presidente provincial, a candidata Marisol Díaz e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañaron a Alberto Núñez Feijóo a un acto sobre vivenda no que o candidato á Xunta anunciou a intención de impulsar a rehabilitación de vivendas en cascos históricos, axilizar a obtención de licencias de obra e facilitar préstamos a interese cero a particulares para o financiamento das actuacións.
No ámbito económico, os candidatos tamén acudiron á sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) onde mantiveron un encontro coa xunta directiva. Tamén houbo presenza dos candidatos no Barco de Valdeorras, na romería da Saleta e na capital no mitin celebrado no barrio dos Montes e na carpa instalada na rúa do Paseo.