Noticias
Blog
Manuel Baltar: “Temos propostas singulares para a provincia, pero os ourensáns imos beneficiarnos dun proxecto conxunto que é Galicia”
• O Partido Popular desenvolveu unha das xornadas máis intensas da campaña con ata oito actos
• O presidente provincial subliñou que compre seguir a traballar para xerar máis emprego e “nunha terra de emprendedores como a nosa, con especial atención aos autónomos”.
• Marisol Díaz, nun emotivo mitin en Xinzo, a terra familiar, pediu o voto dos seus para continuar un camiño de progreso “que quero facer con vos, ao voso lado, pero preciso de toda a vosa confianza”.
Ourense, 16 de setembro de 2016.- No ecuador da campaña electoral para as eleccións autonómicas do 25-S, o Partido Popular desenvolveu hoxe unha das súas axendas electorais máis intensas coa celebración de ata oito actos, ademais de contar coa presenza do presidente do PPdeG e candidato á Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente de Castela e León, Juan Vicente Herrera, que participaron nos mítines de Verín e Xinzo de Limia.
A mensaxe de Manuel Baltar nesta xornada tivo como eixe as propostas que para a provincia inclúe o Partido Popular no seu programa electoral. Así falou do pulo ao termalismo, cun hotel balneario na capital “que vai tirar do potencial de toda a provincia”, as infraestruturas, a mellora dos centros educativos e mesmo da sanidade “cun novo hospital que suporá un salto cualitativo na asistencia de todos os veciños da provincia”.
Manuel Baltar, non obstante, quixo chamar a atención do conxunto do programa popular, con máis de 1.400 medidas. “Temos propostas singulares que beneficiarán a todos os concellos, pero os ourensáns imos beneficiarnos dun proxecto conxunto que é Galicia”.
Ao fío desta afirmación, o presidente provincial subliñou en Verín e Xinzo de Limia dúas das apostas do programa de Alberto Núñez Ferijóo, como a creación da marca “Viños de Galicia”, que suporía unha oportunidade única para a promoción dos viños de Monterrei, ou a redacción dunha lei de agricultura, “que sen dúbida axudará ao desenvolvemento dunha comarca agrícola como A Limia.
CONFIANZA NUN PROXECTO
Marisol Díaz, como cabeza de lista, pediu aos asistentes ao mitin de Verín que saísen ás rúas “para convencer aos vosos familiares, aos vosos amigos e veciños de que Verín, Ourense e Galicia necesitan o proxecto do Partido Popular”. Un proxecto que cualificou como serio, solvente, sólido, coherente e con aval, preguntándose se pode haber alguén “que de verdade desexe experimentos, prefira os líos e aposte pola incerteza”
Explicou a candidata as apostas do PP para Galicia, que pasan dixo por un rural de futuro, por seguir a priorizar os servizos públicos destinando 3 de cada 4 euros públicos, asegurando a educación, a sanidade ou o gasto social para as futuras xeracións.
Marisol Díaz viviu un emotivo momento no mitin de Xinzo de Limia, a terra familiar, onde lanzou unha mensaxe máis persoal pedindo o voto dos seus para continuar o camiño emprendido hai oito anos. “Eu quero facer ese camiño con vos, ao voso lado, pero preciso da vosa confianza, non por min, senón por Xinzo, por Ourense e por Galicia”, concluíu.
INTENSA AXENDA ELECTORAL
A xornada electoral deste venres comezou nos Peares, onde o presidente provincial e a cabeza de lista popular acompañaron ao candidato á Xunta na súa visita ao seu pobo natal.
Á mesma hora, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e os candidatos facían un percorrido por Carballiño.
Contra o mediodía, o candidato José Gonzaléz acudiu á Cámara de Comercio de Ourense, onde se reuníu coa xunta directiva da entidade para explicarlles as propostas económicas do PP. Xa a primeiras horas da tardes, Manuel Baltar tamén acompañou ao candidato á Xunta a unha visita por Allariz, coa presenza do candidato Antonio Miranda.
Entre tanto, O Posío e As Lagoas foron na capital o escenario de senllos mítines nos que participaron os candidatos Miguel Santalices e Cristina Romero, respectivamente, acompañados en ambos os dous casos polo portavoz do PPdeG no Parlamento e coordinador do programa electoral popular, Pedro Puy.