Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 Manuel Baltar afirma que Feijóo será presidente por terceira vez “coa aportación, como mínimo, de oito deputados ourensáns”

Imprimir ppou - 08-Septembro-2016 - 12:28:16 



• O presidente provincial traduciu a confianza que están a recibir dos ourensáns nun 49 ou 50 % de apoio electoral na xornada do domingo 25, data  para a que fixo unha chamada á participación.

• A número uno da lista, Marisol Díaz, lobou o compromiso dos candidatos sinalando que o obxectivo de todos eles “será transmitir aos ourensáns unha mensaxe de futuro, de traballo e esforzo por completar un labor de goberno iniciado en 2009”.

• O secretario xeral do PP, Rosendo Fernández, destacou que “esta será unha campaña intensa, cun programa con máis de 300 actos e a implicación de máis de 2.100 apoderados e interventores”.

Ourense, 8 de setembro de 2016.- O Partido Popular de Ourense marcouse tres obxectivos fundamentais na campaña electoral para as eleccións do 25-S: conseguir que Alberto Núñez Feijóo sexa presidente da Xunta por terceira vez e a única das 17 autonomías con maioría absoluta, “coa aportación, como mínimo, de oito dos catorce deputados a elixir por Ourense e traballar para conseguir o noveno representante do PP”. Así se expresou o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, durante a presentación da campaña electoral que os populares ourensáns desenvolverán dende esta medianoite.

Acompañado polo secretario xeral do partido e coordinador da campaña, Rosendo Fernández, e a número uno da lista por Ourense, Marisol Díaz, o presidente provincial  asegurou que o PP inicia este proceso confiando en manter os resultados do 2012, é dicir, oito deputados como mínimo “xa que así o indica a extrapolación dos datos referidos ás oito anteriores convocatorias electorais, dende que Rosendo máis eu estamos na dirección do PP”. Manuel Baltar traduciu a confianza que están a recibir dos ourensáns nun 49 ou 50 % de apoio electoral na xornada do domingo 25, data  para a que fixo unha chamada á participación.

O Partido Popular de Ourense, dixo, como formación unida, ambiciosa, con programa e cunha candidatura potente “fará unha campaña construtiva, para falar de Ourense, de Galicia, do que fixemos e do que faremos, cousa que outros non poden dicir”. “Saímos a gañar, cun discurso en positivo, no que ninguén escoitará mentiras, descualificacións ou falacias, porque temos realidades que contar, cunha cabeza de lista que sabe xestionar diñeiro público, cun equipo perfectamente identificado coa idea de Ourense e un programa que será realidade”.
“É un orgullo encabezar un equipo de homes e mulleres que van loitar para que Ourense forme parte dese proxecto de conxunto que se chama Galicia e que só ten o futuro garantido co Partido Popular”, afirmou entre tanto a número uno da lista pola provincia, Marisol Díaz. “A candidatura que hoxe represento aquí é unha mistura de experiencia e renovación, como ven de facer o PP ourensán nas últimas eleccións e que, estamos vendo, goza do respaldo maioritario dos votantes”.

COMPLETAR O LABOR DE GOBERNO
Marisol Díaz lobou ese compromiso dos candidatos, sinalando que o obxectivo de todos eles nesta campaña “será transmitir aos ourensáns unha mensaxe de futuro, de traballo e esforzo por completar un labor de goberno iniciado en 2009”.

“Entón –engadiu a candidata- fíxose un programa para non agravar a crise económica; en 2012 procurouse sentar as bases do crecemento; e agora que ninguén dubide que seremos quen de crecer e mellorar máis e con maior intensidade”, obxectivo para o que afirmou “contamos co aval da xestión e un programa realista”.

Un documento de propostas que, como coñecimos onte, afirmou Díaz, “vai procurar que no horizonte do 2020 Ourense teña mellores infraestruturas e alternativas de mobilidade, novos servizos sanitarios ou equipamentos e instalación que nos permitan progresar na marca Ourense Termal.

PRESENZA EN TODA A PROVINCIA
Pola súa banda, o secretario xeral do PP, Rosendo Fernández, destacou que “esta será unha campaña intensa, cun programa con máis de 300 actos organizados polas 92 xuntas locais do partido na provincia. Así, a caravana electoral do PP percorrerá todas as comarcas, sen esquecer os máis de dez mítines que se desenvolverán en distintos puntos da cidade.

Como xa é habitual, detallou, celebraranse dous mítines principais, o da cidade, previsto para o día 21, e o de peche de campaña, cuxo lugar aínda estar por concretar, ademáis da numerosa representación ourensá do PP que se calcula acuda ao mitin central dos populares galegos na praza de touros de Pontevedra, este sábado.

Rosendo Fernández subliñou tamén “a importante presenza que os membros do goberno galego terán nesta campaña”, en particular o candidato á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que visitará a provincia ata en seis ocasións. Os Peares, A Rúa e O Barco serán, mañá venres, os primeiros destinos do presidente do PPdeG, que tamén estará en senllos mítines con xantar en Celanova, o día 15, e O Carballiño no último día de campaña, ademáis de Allariz, Xinzo, Verín e na capital, Ourense, onde participará nun acto sectorial sobre vivenda previsto para o día 19.

Tamén está programada a participación en diferentes actos de todos os conselleiros e importantes nomes do Partido Popular de Galicia: o seu secretario xeral, Miguel Tellado e o voceiro no Parlamento e coordinador do programa popular, Pedro Puy.

Fernández concluíu agradecendo “o importante esforzo e mailo compromiso das agrupacións locais dos populares ourensáns para o desenvolvemento desta campaña”, que se traduce, dixo, na inscrición de máis de 2.100 interventores e apoderados para a xornada electoral do día 25.


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: