Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 Feijóo destaca o transporte metropolitano, a estación intermodal, o impulso do termalismo e a creación dun parque acuático entre os obxectivos para a vindeira lexislatura en Ourense

Imprimir ppou - 07-Septembro-2016 - 13:55:58 



• O presidente do PPdeG tamén avanzou o remate da ampliación do Hospital e a reforma integral do Polígono de O Vinteún

• “Temos o aval dos feitos, pero ese aval, lonxe de ser só unha garantía, para nós é un estímulo e unha responsabilidade para seguir traballando e actuando para que os ourensáns poidan vivir mellor”, afirmou

Ourense, 7 de setembro de 2016.- A posta en marcha do transporte metropolitano; a construción da estación intermodal, a rehabilitación dos barrios; o impulso do termalismo e o Campus da Auga; a creación dun parque acuático para a provincia en Monterreio; a ampliación do Hospital de Ourense; ou a reforma integral do Polígono de O Vinteún son algunhas das actuacións que o Presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe para a cidade de Ourense durante a vindeira lexislatura.

Feijóo continuou esta mañá en Ourense o seu percorrido polas grandes cidades galegas explicando o Programa Electoral do PPdeG para as vindeiras eleccións galegas. “Temos o aval dos feitos, pero ese aval, lonxe de ser só unha garantía, para nós é un estímulo e unha responsabilidade para seguir traballando e actuando para que os ourensáns poidan ter máis oportunidades para vivir mellor”, afirmou.

Novas propostas
De cara ao futuro, Feijóo avanzou que o PPdeG “seguirá mellorando as infraestruturas e a mobilidade dos ourensáns, coa conexión do Polígono Industrial de San Cibrao coa A-52; o acondicionamento da rúa Otero Pedraio; o Plan de Sendas, con creación de máis de 16 quilómetros de sendas integradas, sostibles e seguras en toda a comarca ourensá; ou o impulso da circunvalación este de Ourense, entre Bemposta e a N-525”. A todo isto, sumarase a implantación do Plan de Transporte Metropolitano, que outorgará vantaxes aos usuarios de oito concellos cun aforro medio de 600 euros ao ano; e a construción da Estación Intermodal de Ourense.

“A actividade empresarial potenciarase coa reforma integral do Polígono de O Vinteún-As Coinas, atendendo unha demanda xusta dos empresarios deste polígono, o único situado integramente no concello de Ourense”, dixo Feijóo.

O Goberno do PPdeG tamén continuará coa política de mellora urbanística e de acceso á vivenda, afondando na rehabilitación integral dos barrios a través do programa REXurbe-Ourense. “Ademais de abordar a rehabilitación de edificacións concretas, tamén actuaremos na mellora da praza e alameda de Covadonga e continuaremos co desenvolvemento do Plan ReHabita, a través do que está previsto licitar en breve a construción de oito vivendas de promoción pública en Covadonga”, concretou Feijóo.

O Presidente do PPdeG anunciou que nas vindeiras semanas iniciará o seu funcionamento en probas a nova EDAR de Ourense, “unha actuación que facilitará a mellora do saneamento da cidade e que nos permitirá centrarnos agora no rural”. 

No ámbito educativo, Feijóo sinalou que “afondaremos na habilitación de máis centros educativos como centros plurilingues e tamén na súa incorporación ao programa Abalar para as novas tecnoloxías, continuando coas melloras de infraestruturas educativas con intervencións en centros da comarca como o CEIP Irmáns Villar, a rehabilitación do colexio José García García, a ampliación da Escola Oficial de Idiomas, a ampliación do instituto Universidade Laboral”. Ademais, anunciou que se destinarán 4,4 millóns de euros para consolidar o Campus da Auga a través da construción da infraestruturas que albergará usos científicos e a súa sede institucional.

Mellora do benestar
A mellora dos servizos sociais en Ourense tamén recibirá un importante pulo durante a vindeira lexislatura. En concreto, Feijóo sinalou que se rematará a construción dun Centro Interxeracional (con 80 prazas no Centro de día e 82 de Escola Infantil), se abrirá unha unidade terapéutica de Alzheimer de 10 prazas, se construirá un centro para persoas con discapacidade no antigo colexio de Mariñamansa de 40 prazas, e se creará unha nova residencia de maiores con 80 prazas. 

Tamén se rematará a obra de ampliación do Hospital de Ourense “para convertelo nun hospital innovador e punteiro que será referencia tanto en Galicia como no resto de España”. “Na seguinte fase, afrontaremos a construción do novo edificio de consultas e a remodelación do Edificio de Cristal”, apuntou Feijóo.

O Presidente do PPdeG salientou que “xa está moi avanzada a obra de posta en valor da Ponte Vella, o que dará pe a acometer unha segunda fase destinada á mellora da contorna, especialmente a zona da Capela dos Remedios”. Esta intervención no patrimonio cultural de Ourense virá acompañada da rehabilitación como museo da antiga Igrexa de San Francisco e a dotación dun albergue de peregrinos que contribúa a dinamizar o casco vello e a implicar máis aos visitantes na vida do centro da cidade. Feijóo sinalou que “tamén traballaremos para que Ourense conte por fin cun Hotel-Balneario na zona das Burgas á altura da calidade das súas augas termais”.

Por último, no ámbito das instalacións deportivas e do ocio, Feijóo destacou que “Ourense situarase no mapa do atletismo mundial coa construción da nova pista cuberta e desmontable en Expourense, á que se engadirá a potenciación dunha zona acuática na cidade deportiva de Monterrei”. 

Falamos facendo
“En Ourense tamén falamos facendo: sabíamos que precisaba modernizar a súa dotación de infraestruturas sanitarias, e fixémolo; sabíamos que precisaba investimentos para o saneamento, e puxémolos á súa disposición; e sabiamos que ten un potencial de crecemento clave no turismo termal, e apoiámolo”, afirmou ao comezo da súa intervención.

Máis en concreto, en sanidade, ademais da ampliación e mellora do Hospital, se sumaron actuacións en centros de saúde da cidade e da provincia de Ourense como o do Couto, o de Barbadás, Vilamarín, Vilar de Santos, Entrimo, A Merca ou Toén.

No ámbito da conciliación e dos servizos de benestar, Feijóo subliñou a construción da nova escola infantil de Colón, a apertura de 150 prazas públicas na residencia de Geriatros, a reforma do local para o centro de día de alzheimer, o investimento de 4,6 millóns de euros no Servizo de Axuda no Fogar para dependencia co obxectivo de ter lista de espera cero, ou o investimento de 1,3 millóns de euros na mellora do centro de menores de A Carballeira.

Ensino e infraestruturas
As actuacións da Xunta na cidade de Ourense tamén se dirixiron ao eido educativo, cun investimento de máis de 4,2 millóns de euros no novo CEIP Amadeo Barroso ou nas cubertas do IES Universidade Laboral. A este investimento sumaranse outros 2,8 millóns de euros, con cargo ao Fondo de Superávit de Responsabilidade, para melloras en centros educativos. A nivel universitario, destináronse máis de 4,4 millóns de euros para a construción e desenvolvemento do centro do Campus da Auga, ao tempo que se apostou pola formación de profesionais altamente cualificados coa implantación do grao de Enxeñería Aeronáutica.

En infraestruturas, o Goberno de Feijóo mellorou as vías de comunicación de Ourense e a súa comarca con actuacións como a posta en servizo da Autovía A-52-Celanova, o viario Rairo-Bemposta, a ponte nos Peares ou os novos accesos ao hospital. Tamén se destinaron 22,44 millóns de euros á mellora das infraestruturas existentes como as reparacións na Ponte do Milenio, as actuacións de posta en valor da Ponte Vella ou o acondicionamento da OU 101 entre o acceso ao Parque Tecnolóxico e Maceda.
 
Ademais, a Xunta asinou co ADIF e o Concello o convenio para poñer en marcha a Estación Intermodal e continuará traballando para que Ourense poida gozar tamén das vantaxes do Plan de Transporte Metropolitano, unha vez aprobados os convenios correspondentes.

Para rematar este resumo de actuacións realizadas en Ourense nestes últimos catro anos, Feijóo referiuse ao novo edificio xudicial xa en funcionamento desde abril de 2015.

“Ourense é a capital da provincia termal e, por iso, tamén forma parte esencial da nosa aposta polo turismo vinculado ás augas”, sinalou o Presidente do PPdeG. Neste sentido, apuntou que “o Plan Termal impulsou o sector turístico da provincia de Ourense, consolidando e fortalecendo o posicionamento de Galicia como destino termal global”. En total, xa están finalizadas máis do 40 por cento do total de actuacións previstas neste Plan, dotado de case 6 millóns de euros.


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: