Noticias
Blog
• Entende que o rexedor, xunto co concelleiro de Facenda, Javier Iglesias, vulnerou a lei electoral ao inducir “de forma mediata a través dos medios de comunicación o sentido do voto dos electores”.
• O Partido Popular lamenta que personaxes como este representen aos cidadáns nas institucións e insta ao grupo provincial do PSOE a tomar medidas diante do “desprezo pola lei do que fai gala Ignacio Gómez”.
Ourense, 31 de agosto de 2016.- A Xunta Electoral de Ribadavia ven de ratificar o expediente sancionador aberto contra o alcalde de Ribadavia e deputado provincial, Ignacio Gómez, por vulnerar a lei electoral nas pasadas eleccións de xuño, impoñendo unha multa de 300 euros ao entender que o rexedor fixo “alarde da austeridade do grupo de goberno e a súa intachable conduta (...) inducindo de forma mediata a través dos medios de comunicación o sentido do voto dos electores”.
Para o Partido Popular, o prepotente sentido da política que amosa Ignacio Gómez está a superar todos os límites, “mesmo o seu desprezo á lei cando chegou a rirse da denuncia presentada polo PP, agora ratificada pola xunta electoral”. Insiste o PP na incompetencia e irresponsabilidade do alcalde e deputado provincial ao poñer claramente en evidencia que nin se preocupa por estudar e comprender aspectos básicos da vida política, lamentando que personaxes como este podan representar aos cidadáns nas institucións.
Neste sentido, o PP emplaza ao grupo provincial socialista “a que tome as medidas oportunas contra o señor Gómez, que non é digno e queda totalmente desacreditado para ocupar ningún cargo público”.
“¿Que se pode esperar dun persoeiro que non admite leccións de ninguén?”, cuestiona o PP, que pon o acento no excesivo custo que o socialista ten para os ourensáns “a cambio de palabrería e comedia barateira da que xa ninguén rí, nin tan siquera os seu propios compañeiros”.
O señor Gómez, como nefasto alcalde que é en toda a historia de Ribadavia e o que máis cobra pola súa desastrosa xestión, estalle a saír moi caro aos seus veciños, que puideron pagar coa súa seguridade unha neglixencia inadmisible ao agochar durante 14 meses unha orde de peche do campo de fútbol de herba artificial, ditada por razóns de seguridade por parte do Ministerio de Fomento, poñendo en perigo a centos de usuarios.
Pero tamén estalle a saír moi caro ao resto dos ourensáns, que non se poden permitir a presenza nun escano da Deputación dunha persoa que fai da máis desprezable mentira un xeito deplorable de facer política. “O único que fai, como míster casta, é un esperpento político pleno tras pleno, no que no se escoitan máis que ameazas e críticas a supostas faltas de transparencia e democracia, “cando é o seu proceder político o que ven de ser sancionado”.
A mesma sanción foi imposta ao concelleiro de Facenda, Javier Iglesias, que tamén participou nos feitos denunciados polo Partido Popular de Ourense, que cualificou a actitude do alcalde e mailo concelleiro como un “basto desprezo á normativa electoral”, logo do anuncio “en sede institucional (consistorio), previa convocatoria a medios de comunicación e con posterior publicación na web municipal de melloras no parque empresarial de Ribadavia”.