Noticias
Blog
Pablo Pérez: “O voceiro socialista usa a súa descarada capacidade como mentirán para agochar a súa irresponsabilidade política”
• O coordinador do grupo provincial popular subliña que foi o propio representante da oposición o que renunciou á súa obriga para elixir as mocións que os socialistas levarían ao pleno do venres.
Ourense, 25 de maio de 2016.- “A descarada capacidade para mentir por parte do portavoz socialista está a alcanzar xa cotas inaceptables”, sinala o coordinador do grupo provincial do PP, Pablo Pérez, en resposta ás críticas vertidas esta mañá polo representante da oposición socialista sobre o contido da orde do día do pleno que se celebrará o venres.
O portavoz da oposición, sinalou Pérez, ratifica a súa condición de mentirán oficial ao acusar o goberno provincial de falta de transparencia e democracia sobre as razóns que levaron á exclusión dunha moción socialista no próximo pleno “e para a que só existe unha razón: a negativa do portavoz para exercer a súa responsabilidade política”.
Explica Pablo Pérez que na xunta de portavoces do pasado luns solicitouse ao deputado socialista a retirada dunha das tres mocións presentadas polo seu partido, co fin de axustarse ao procedemento habitual de abordar na sesión só dúas mocións por grupo.
“O representante da oposición, nun acto de total irresponsabilidade, decidiu non elixir cales se tratarían no pleno, de modo que se optou por un criterio xusto e obxectivo como foi a orde cronolóxica de presentación”. Deste xeito incluíronse na orde do día senllas propostas sobre o a aplicación de produtos fitosanitarios e a protección da actividade apícola.
Para o deputado popular está claro que no ánimo dos socialistas nunca estivo abordar a moción retirada, acerca da estrada de San Vicente de Leira, pois a pesar de non ser unha cuestión nova levouna a comisión como moción de urxencia.
“Isto só obedece a unha estratexia onde a responsabilidade no exercicio da representación pública non conta absolutamente para nada e só ten como fin tratar de conseguir mediante a mentira sementar dúbidas sobre esta institución”.
“Esta actitude encaixa perfectamente nas declaracións que o portavoz de Ribeiro en Común fai hoxe nunha entrevista e que avalan as nosas afirmacións -engadiu o deputado popular-, onde se destacada a súa incapacidade como político e xestor para gobernar un concello, no que xa leva trece anos e cunha total falta de ideas e iniciativa”.