Noticias
Blog
O grupo provincial popular subliña o total descoñecemento do que fai gala o voceiro socialista do plan termal de Ourense
· A deputada do PP Ana Villarino lembra que o encargado de redactar o informe de adhesión á European Historical Thermal Town Association é o redactor do plan termal.
· O propio plan aconsella ingresar nesta asociación, que utiliza o inglés como lingua oficial e da que é socio fundador o Concello de Ourense
Ourense, 28 de abril de 2016.- O goberno provincial decidiu encargar o informe de adhesión á European Historical Thermal Town Association (EHTTA) a Mario Crecente e Asociados “por ser o redactor do plan termal de Ourense e, como tal, o mellor coñecedor da realidade termal da provincia”. A deputada do grupo popular na Deputación, Ana Villarino, respondeu así ás críticas realizadas hoxe polo voceiro socialista sobre o proceso de incorporación da institución provincial a esta asociación.
Ana Villarino pon o énfase no total descoñecemento que desta cuestión amosa o representante da oposición “xa que o propio plan termal aconsella o ingreso nesta asociación, da que, ademáis, un dos seus membros fundadores é o Concello de Ourense”.
A deputada do grupo popular subliña tamén a cada vez máis escasa capacidade de debate político do voceiro socialista, “que mesmo critica que se utilice o inglés neste trámite, sen alcanzar a entender que este idioma é a lingua oficial da asociación, e só fala unha vez máis de tomadura de pelo, cando eso é precisamente o que está a facer o grupo socialista e o seu voceiro cos ourensáns”.
A deputada do grupo popular celebra, non obstante, que ante a solicitude de dimisión e reprobación de Ignacio Gómez “traballara máis que nunca este mes coa presentación de preguntas e comunicados, aínda que o siga facendo a distancia, sen dar unha rolda de prensa e sen asinar en orixinal ningún dos documentos que presentou”.