Noticias
Blog
Moisés Blanco avoga porque o sector do viño de Valdeorras "traballe unido para seguir impulsando os grandes recursos que temos"
- O deputado do Grupo Popular agradeceu "o esforzo que levan adiante viticultores e adegueiros, que contaron cun importante respaldo por parte da Xunta de Galicia"
- Agradeceu o traballo realizado polo anterior presidente do Consello Regulador e desexou moita sorte ao novo responsable para seguir impulsando o sector do viño e a marca Valdeorras
Santiago, 27 de marzo de 2015.- O deputado do Grupo Popular Moisés Blanco avogou hoxe no Parlamento porque o sector do viño da comarca de Valdeorras "traballe unido para seguir impulsando os grandes recursos que temos".
Moisés Blanco trasladoulle á directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, que "existe un gran potencial vitivinícola na comarca de Valdeorras e creo que boa mostra disto son algúns dos resultados que imos coñecendo, tanto de exportación como de comercialización". Deste xeito, agradeceu o "esforzo que están levando adiante viticultores e adegueiros, que se modernizaron de cara a mellorar a produción, así como o respaldo da Xunta de Galicia a través das diferentes ordes de axudas".
O deputado cifrou en máis 400.000 euros as axudas recibidas o pasado ano pola denominación de orixe Valdeorras, polo que demandou que "se sigan mantendo este tipo de axudas e colaboracións tan importantes para o futuro do sector".
Máis de 40 adegas e cinco millóns de quilos de uva
Máis en concreto, o deputado popular cifrou en cerca de 1.500 os viticultores que traballan baixo a denominación de orixe Valdeorras, con máis de 40 bodegas e unha produción de uva aproximada de 5 millóns de quilogramos. "O recoñecemento que está a conseguir esta denominación refléxase en que 35 marcas de 16 adegas figuran este ano na Guía Parker, que anualmente edita a revista americana The Wine Advocate", engadiu.
Na súa intervención, Moisés Blanco recordou que "o Consello Regulador experimentou durante as últimas semanas certos movementos e situacións de incerteza pola renuncia do presidente". "Na actualidade, xa conta cun novo presidente elixido por unanimidade e desde aquí quixera agradecerlle o traballo o anterior responsable do Consello Regulador e desexarlle moita sorte ao novo presidente, que ten que conseguir que sexa un sector que traballe unido para seguir impulsando o sector do viño e da marca Valdeorras", manifestou.
Así mesmo, Blanco recordou que esta denominación de orixe "é unha das máis antigas de España", xa que o 27 de xullo de 1945 foi publicada a resolución pola que se declara protexido como denominación de orixe o nome xeográfico de Valdeorras e se constitúe o Consello Regulador desta denominación de orixe..