Noticias
Blog
O PP de Carballeda de Avia pide que o Goberno Municipal revitalice as feiras da Alameda
- Os populares solicitan que o Concello estableza unhas rutas e horarios de traslado, ida e volta, para recoller co microbús municipal a todo veciño ou veciña interesado en asistir as mesmas
O voceiro municipal do PP, Lorenzo González Rodríguez, recorda que hai anos a Xunta de Galicia concedeu ao Concello de Carballeda de Avia unha subvención pola cal adquiriu un microbús para que prestase servizo aos futuros usuarios dun Centro de Día que, dende hai anos e anos, aínda segue sen explotarse ou usarse ao cen por cento da capacidade das súas instalacións. "Hoxe en día o microbús é usado para infinidade de actividades, servizos ou desprazamentos que pouco teñen que ver coa súa finalidade primaria. Pero debido á importante cantidade de diñeiro que se empregou para a adquisición deste, o que verdadeiramente sería unha pena é que o devandito microbús estivese aparcado no garaxe municipal deteriorándose sen uso", declara González Rodriguez.
O que si se está a deteriorar, sen que o goberno municipal faga nada ao respecto, é a celebración mensual das feiras que se realizan na alameda do Concello de Carballeda de Avia. Ao longo do tempo os populares comprobaron cómo a concorrencia de feirantes e veciños foi minguando ante a total pasividade dos que gobernan a vida municipal. Para o voceiro do PP, "parece que nin o alcalde nin o seu equipo son conscientes da importancia que as feiras municipais teñen non só como impulso económico para o comercio local, senón tamén como instrumento de reunión e convivencia vecinal".
Polo tanto, o PP de Carballeda de Avia solicita ao goberno municipal que nas feiras vindeiras o Concello estableza unhas rutas e horarios de traslado, ida e volta, para recoller co microbús municipal a todo veciño ou veciña interesado en asistir ás mesmas.