Noticias
Blog
Manifesto do Partido Popular de Ourense con gallo do 90 aniversario da Revista Nós
"Foi un 30 de outubro de 1920, en Ourense, cando un grupo de intelectuais, bos e xenerosos ourensáns, dan a luz á Revista Nós. Facíano despois de reunións previas, caso da celebrada en Pontevedra (V. Risco, Castelao, Cabanillas e Losada Diéguez), para dispor dun voceiro de prestixio monolingüe en galego e prestixiar así a lingua e a cultura galega. Nesa reunión tamén deciden que o nome da mesma sexa NÓS.
Nace, pois, por e para o galego, para e por Galicia, coa pretensión de normalizar o uso do idioma, impulsalo e elevalo aos usos culturais; e ata a publicidade, deciden, deberá ser maioritariamente en galego e implicar así tamén á empresa e ao comercio, buscando contribuír á modernización de Galicia e facelo, por que non, na lingua propia.
Deciden que Ourense será o centro, o punto de referencia: a sede. O director, Vicente Risco; o responsable do financiamento, Arturo Noguerol; a impresión, La Región..., e así o primeiro número sae ese día, 20 de outubro de 1920, e co título de "Primeiras verbas" e "pra ledicia de todos, sae hoxe Nós".
Aqueles persoeiros foron uns adiantados e valentes, plurais, exemplares no facer e ben facer por Galicia, abertos, traballadores incansables, que atraían a moitos colaboradores, galegos, portugueses.. e outros que fixeron de Nós unha empresa a prol de Galicia inmensa e intensa. Nomes como Otero Pedrayo, Ánxel Fole, Pimentel, Emilio Pita, Luís Tobío, Teixeira de Pascoaes...
É pois, hoxe, noventa anos despois, que desde o Partido Popular de Ourense queremos sumarnos ás celebracións que por tal feito se fan, especialmente en Ourense, e sentírmonos ledos e comprometidos para seguir na liña e no espírito da Revista Nós, dos seus creadores, e traballar, en colaboración plural e abertos, tamén con eses vínculos atlánticos, coas culturas e pobos de Portugal, de Hispanoamérica, ou coas demais culturas e rexións de España e Europa, para seguir facendo unha Galicia cada día mellor.
Seguir mantendo na memoria dos ourensáns, e galegos, feitos tan trascendentais como o da creación da Revista Nós e manter viva a obra de Risco, de Otero Pedrayo, de Cuevilas, de Losada Diéguez e de tantos outros bos e xenerosos galegos con Galicia.
Que esa pegada imborrable na nosa historia siga dándonos azos para continuar dignificando a lingua, a cultura e Galicia, que aportemos ideas e traballo para poder sentírmonos orgullosos de sermos Nós e o interese supremo posto en Galicia.
Desde o PP de Ourense manifestamos ese compromiso cunha Galicia moderna, culta, plural e cada día mellor. Nós si estaremos por dignificar a realidade galega. Vaia, pois, o noso orgullo e satisfacción e as nosas grazas a todos os que a crearon e a fixeron posible".